Monday 17 de November de 2025

O Concello lanza a campaña do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller baixo o lema «Non hai escusas»


Inés Rey, acompañada da concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa, presentou a campaña municipal contra a violencia machista, centrada na violencia vicaria, na explotación sexual e na violencia dixital

A alcaldesa reclamou á Xunta un Centro de Crise 24 horas na Coruña

O Concello presentou hoxe a campaña polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano se desenvolve de novo baixo o lema «Non hai escusas». Na presentación interviñeron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa. Rey puxo o acento na necesidade de reforzar os recursos de atención ás vítimas e de combater o discurso negacionista da violencia machista.

A alcaldesa lembrou que a violencia de xénero “non é un asunto privado, nin un simple conflito de parella, senón unha das maiores vulneracións de dereitos humanos que existen”, e advertiu do avance dos discursos que cuestionan a súa existencia. “O negacionismo non é unha opinión máis: é un perigo para a seguridade das mulleres e das crianzas”, subliñou, incidindo en que estes relatos “van calando especialmente entre a mocidade e desordenan a realidade, poñendo todo no mesmo plano e invisibilizando a violencia específica que sofren as mulleres polo feito de selo”.

Inés Rey puxo sobre a mesa os datos oficiais que apuntan a un aumento dos delitos contra a liberdade sexual en Galicia, na provincia e na cidade da Coruña e insistiu en que “detrás de cada cifra hai unha muller, unha nena, unha familia que ve a súa vida quebrada; non podemos normalizar nin relativizar esta realidade”. A alcaldesa referiuse tamén á posta en marcha por parte da Xunta de cinco Centros de Crise 24 horas noutras cidades galegas e reclamou que A Coruña conte cun recurso propio: “A Coruña, unha das principais cidades de Galicia e cabeza dunha grande área metropolitana, tamén precisa un Centro de Crise 24 horas. Non é razoable que unha coruñesa que sofre unha agresión sexual teña que ser derivada a outra cidade nun momento de máximo impacto emocional”.

A rexedora lembrou que a cidade dispón xa dun ecosistema sólido de recursos –CIM, casa de acollida municipal, pisos de transición e un tecido asociativo experimentado– e reclamou á Xunta que dote A Coruña dun Centro de Crise 24 horas “en coordinación co Concello e
cos recursos especializados cos que xa conta a cidade, por xustiza territorial e, sobre todo, por protección efectiva das vítimas”.

Pola súa banda, a concelleira Nereida Canosa presentou a programación municipal do 25N, estruturada en tres grandes eixos: a violencia vicaria e a exercida contra as e os menores; a trata, a explotación sexual e a prostitución, avanzando cara a relacións afectivo-sexuais sas; e a violencia dixital e as novas formas de agresión a través das tecnoloxías. “Trátase dunha programación ambiciosa, que combina formación especializada, accións educativas, teatro, cultura, deporte e participación comunitaria para chegar a profesionais, mocidade, infancia, familias e conxunto da veciñanza”, explicou.

Entre as principais accións destacan a xornada sobre a violencia contra os e as menores e a violencia vicaria no salón de actos da Fundación ONCE; o ciclo “Conversas con…” con Amelia Tiganus e Erick Pescador; o espectáculo teatral didáctico “Mozas nas redes” nos centros de secundaria; obradoiros, xogos e contacontos nos espazos de atención á infancia e nas ludotecas municipais; actividades específicas na Escola Intercultural da UAMI; accións de sensibilización no Espazo Diverso e nas bibliotecas municipais; así como as iniciativas comunitarias da Plataforma pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Castrillón (PICUS).

O deporte e o espazo público volverán ter un papel central coa andaina do 25 de novembro, a formación dun gran lazo humano violeta na contorna de Riazor e a lectura dun manifesto en lembranza das vítimas e en apoio ás superviventes. “Non hai escusas para controlar, humillar ou difundir imaxes sen consentimento, nin para mercar corpos nin normalizar a explotación sexual, nin para danar ás crianzas nin negar a violencia que sofren as súas nais”, concluíu Canosa, facendo un chamamento á participación da cidadanía en todas as actividades.

Programación completa do 25-N | Non hai escusas

Venres 21 de novembro | Xornada sobre a violencia contra os e as menores: a violencia vicaria | 9.00–14.00 h | Salón de actos da Fundación ONCE | Profesionais dos ámbitos social, xurídico, sanitario, educativo, psicolóxico (con inscrición previa)

Do luns 17 ao xoves 27 de novembro | Espectáculo teatral didáctico “Mozas nas redes” | Horario de mañá | Centros de secundaria do municipio | Alumnado de 1.º e 2.º da ESO (a través dos centros educativos)

Do luns 24 ao sábado 29 de novembro | Actividades educativas nos espazos de atención á infancia e ludotecas municipais | Horarios de apertura de cada espazo | Espazos de atención á infancia municipais | Nenas e nenos usuarios/as dos servizos

Do luns 24 ao venres 28 de novembro | Actividades educativas na Escola Intercultural da UAMI | 18.00–20.30 h | Centro Social Sagrada Familia | Nenas e nenos de infantil, primaria e ESO participantes na Escola Intercultural

Mércores 26 e xoves 27 de novembro | Obradoiro “Tecendo colectivo: interseccionalidade e a loita LGTBI” (Espazo Diverso) | 18.00–20.30 h | Centro Cívico da Cidade Vella | Poboación xeral, con inscrición previa

Do luns 24 de novembro ao luns 8 de decembro | Mostra “Punto violeta de lectura, ler suma vidas” | Horario de apertura | Biblioteca Municipal de Monte Alto | Público xeral

Do luns 24 ao venres 28 de novembro | Actividades de sensibilización contra a violencia de xénero nos grupos de apoio escolar | Horarios de cada actividade | Centros cívicos municipais con apoio escolar | Alumnado de primaria e secundaria participante

Martes 25 de novembro | Colocación do lazo PICUS e minuto de silencio | 12.00 h | Praza de Pablo Iglesias | Público xeral

Martes 25 de novembro | Andaina polo 25N | 11.00 h (saídas) / 11.30 h (punto de encontro) | Saídas: Explanada C.D. Riazor e Frontón do C.D. A Torre | Punto de encontro: Miradoiro do Matadoiro | Público xeral

Martes 25 de novembro | Lazo humano violeta e lectura de manifesto | 12.15 h | Explanada C.D. Riazor | Público xeral Martes 2 de decembro | “Conversas con… Amelia Tiganus: OnlyFans, prostitución e pornografía” | 10.00 h (sesión educativa) Paraninfo da UDC | 18.00 h (sesión aberta con intérprete de lingua de signos) Fórum Metropolitano | Alumnado de 4.º ESO, 1.º Bacharelato e FP / Público xeral

Mércores 3 de decembro | “Conversas con… Erick Pescador: masculinidades igualitarias e prevención da violencia” | 10.00 h (sesión educativa) Paraninfo da UDC | 18.00 h (sesión aberta con intérprete de lingua de signos) Fórum Metropolitano | Alumnado de 3.º e 4.º ESO / Público xeral

Deja un comentario