Monday 17 de November de 2025

Comunidade educativa e veciñanza concéntranse o xoves diante dos colexios de Oleiros


A aposta por un ensino público de calidade é unha das lendarias bandeiras do Concello de Oleiros desde hai anos. Unha aposta que a Xunta de Galicia, responsable da educación no noso país, non atende, xa que deixa numerosos centros educativos sen o persoal necesario. Por iso o Concello apoia as concentracións convocadas por todas as ANPA do municipio polo Día Mundial da Infancia, 20 de novembro, que terán lugar diante de todos os colexios do municipio á mesma hora: as 8:40 da mañá.

Serán concentracións con roupas negras para simbolizar o grave desamparo que están a sufrir as escolas e que pon en perigo a calidade do ensino público debido á falla de profesores de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, mestres titores e de reforzo nas aulas ou a eliminación de proxectos de gran interese educativo, cultural e comunitario.

Durante este curso, os recortes máis graves rexístranse nos colexios Valle Inclán e Juana de Vega, pero poderían ter sido calquera outro. Familias, profesorado, veciñanza e Concello únense para participar activamente nestas concentracións a prol dunha escola pública de alta calidade.

Na convocatoria tomaron a iniciativa as ANPAS do Valle Inclán, Juana de Vega, Luis Seoane, Rabadeira e Parga Pondal.

Deja un comentario