Polos servizos complementarios ao Servizo de Axuda no Fogar, entre os que figuran: podoloxía, perruquería, fisioterapia e estimulación cognitiva a domicilio, bono-taxi, préstamo de axudas técnicas…
O concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, e a traballadora social María Villasenín participaron no I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios, organizado pola Deputación da Coruña
Os innovadores programas sociais do Concello de Frades volven ser protagonistas dunha xornada organizada pola Deputación da Coruña. Como xa acontecera en outubro de 2022, o Concello de Frades foi seleccionado pola Deputación da Coruña como exemplo de boas prácticas en materia de servizos sociais. Así, o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro, e a traballadora social municipal, María Villasenín, participaron no I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios, organizado pola Deputación da Coruña.
Un encontro que reuniu no Pazo de Mariñán a responsables políticos e técnicos dos 93 concellos da provincia para reforzar a cooperación institucional e compartir boas prácticas en materia de servizos sociais. A exposición inicial correu da man de María Villasenín, quen expuxo a parte técnica dos servizos que se prestan así como a metodoloxía que se sigue en cada un deles.
Así, e de acordo con datos do ano 2024, o Concello de Frades está a prestar a domicilio os servizos de podoloxía (140 persoas usuarias con 524 servizos ao ano), fisioterapia (33 persoas usuarias con 632 servizos ao ano), perruquería (22 persoas usuarias con 99 servizos ao ano) e estimulación cognitiva (servizo que se estreou ese ano con 8 persoas usuarias e 160 servizos ao ano). A maiores, o Concello de Frades dispón dun servizo de bono-taxi, para desprazamentos a centros de saúde e citas médicas en Compostela (con sete persoas usuarias e 42 servizos prestados en 2023), e dun sistema de préstamo de axudas técnicas (cadeiras de rodas, muletas…) que beneficiou a seis veciños e veciñas. Finalmente, a última iniciativa posta en marcha en 2024 (axuda para gastos oftalmolóxicos, odontolóxicos ou auditivos) beneficiou a cinco persoas e supuxo un investimento de 6.530 euros. Unhas iniciativas que o Concello complementa ao longo do ano convocando sesións de balneario, saídas á praia ou ximnasia de mantemento nas parroquias.
Selo de identidade
“En total, 281 veciños e veciñas de Frades que viron mellorada a súa calidade de vida, o seu benestar e a súa autonomía persoal”, resumiu Manuel Ferreiro, quen explicou que “en Frades, os servizos sociais son o noso selo de identidade. Comezamos no 2012 implantando servizos como podoloxía, perruquería e fisioterapia a domicilio e fomos sumando novas iniciativas”.
Manuel Ferreiro agradeceulle á Deputación “a valoración do traballo que se está a facer no noso concello”, sinalando que “o obxectivo destas axudas é mellorar o benestar físico, persoal e social destas persoas para que acaden unha maior autonomía persoal”. Por iso, no 2021 sacouse tamén unha convocatoria única para a eliminación de barreiras arquitectónicas dirixidas a persoas maiores e dependentes.
Manuel Ferreiro e María Villasenín interviron no panel de experiencias municipais incluído no I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios, que tamén acolleu relatorios a cargo do xerontólogo Jaiver Yanguas, da experta Lourdes Bermejo e da cooperativa galega Nova Works Consulting. Dende a Deputación da Coruña apuntan que este encontro nace coa vontade de consolidarse como unha cita anual de formación, reflexión e coordinación entre profesionais dos servizos sociais municipais, reforzando o papel do ente provincial como apoio técnico e institucional na promoción do benestar e da calidade de vida da cidadanía.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.