Monday 17 de November de 2025

A arte comunitaria e o cinema para a reflexión, na programación do Concello de Fene polo 25N


O Concello de Fene acollerá unha instalación de 1000 flores lilas feitas polas “mulleres do gancho”

O mércores 26 de novembro proxectarase o filme “Prefiro Condenarme”, coa presenza da súa directora, Margarita Ledo

O Concello de Fene adiantou esta mañá a programación coa que conmemorará o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha axenda de actividades que combina arte comunitaria, memoria, reflexión e compromiso colectivo. As actividades centrais desenvolveranse os días 25 e 26 de novembro, incluíndo unha acción simbólica nos exteriores da Casa Consistorial, e a proxección do filme “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo, con coloquio posterior.

O propio 25 de novembro, martes, ás 12h, inaugurarase na Casa do Concello unha instalación artística composta por 1000 flores lilas elaboradas a man por un grupo de veciñas de Fene, as mulleres do gancho. Un acto de creación colectiva que converte a labor artesanal nun símbolo de resistencia e sororidade.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “estas flores representan o compromiso vivo das mulleres de Fene coa igualdade e na defensa dos dereitos das que xa non teñen voz”, e lembrou tamén que este tipo de accións “visibilizan o papel das mulleres como axentes de cambio e fortalecen o tecido comunitario”.

A programación continuará o mércores 26 de novembro ás 17h na Casa da Cultura, coa proxección (con entrada libre) do filme “Prefiro condenarme”, dirixido por Margarita Ledo, quen estará presente no acto para participar nun café – coloquio aberto ao público. Varias das escenas desta longametraxe rodáronse a comezos de 2024 en diversas localizacións fenesas, como Barallobre, Maniños ou Perlío.

Protagonizada por Mónica Caamaño, Melania Cruz e Iria Pinheiro, a peza recrea as múltiples vidas de Sagrario, quen nos sitúa nos anos 70 fronte ao xuízo por adulterio ao que se viu sometida tras ter unha filla co seu amante. A película amosa a dureza da vida dunha muller traballadora que, no medio da ditadura, ousa pensar e reclamar igualdade, contradicindo o estereotipo de pasividade feminina e enfrontándose á moral patriarcal imperante.

Recoñecida internacionalmente, “Prefiro condenarme” estivo presente no DOC Lisboa, foi preseleccionada aos Goya e Feroz e recibiu cinco nominacións nos Premios Mestre Mateo, incluíndo mellor dirección, produción e fotografía. Leva máis de 150 proxeccións por España e no estranxeiro, incluíndo Arxentina, Uruguai, Reino Unido, París (Université de la Sorbonne) e proximamente Shangai, da man do Instituto Cervantes.

O Concello de Fene invita a toda a veciñanza a participar nestas actividades, que buscan manter viva a memoria, reforzar o compromiso colectivo contra as violencias machistas e recoñecer a forza das mulleres que co seu exemplo abren camiños de liberdade.

Deja un comentario