Monday 17 de November de 2025

Máis de 1.100 persoas confirmaron a súa participación na carreira popular de Novo Mesoiro, que pechará o domingo a tempada de Coruña Corre


A xornada arrincará cun minuto de silencio en lembranza do atleta galego Jesús Bernal, un clásico do circuíto de carreiras que faleceu a inicios de novembro e que era habitual nas probas que se realizan na cidade

A tempada de carreiras populares de Coruña Corre chega á súa recta final. Será este domingo 23, a partir das 10.00 horas, no barrio de Novo Mesoiro, coa realización da última proba prevista na edición deste ano.

Máis de 1.100 persoas confirmaron a súa participación na cita desta fin de semana, sumando tanto as/os deportistas en categoría absoluta como as/os que competirán nas diversas roldas de categorías inferiores, desde sub-18 a peques.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou que nos intres previos á carreira gardarase un minuto de silencio en lembranza do atleta galego Jesús Bernal, que faleceu a inicios deste mes de novembro aos 78 anos, tras participar en máis de 2.800 carreiras en todo o país, nas que sumou máis de 20.000 quilómetros ao longo da súa vida.
“Jesús era unha persoa moi querida no mundo das carreiras populares, tanto en Galicia como en moitos puntos de España aos que viaxaba para gozar da súa paixón. Este mesmo ano, na Coruña estivo connosco nas probas da Torre, Matogrande – Xuxán, San Pedro de Visma e Os Rosales. É de xustiza homenaxear a súa figura no peche desta edición do circuíto Coruña Corre”, indicou Vázquez.

Con saída e meta na rúa dos Ancares, a carón do pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro, a carreira popular deste domingo 23 contará novamente cun amplo abano de servizos para as persoas participantes: duchas e gardarroupa no pavillón, así como avituallamento na chegada.

As persoas participantes poderán recoller o seu dorsal o mesmo día da carreira (domingo 23), no pavillón de Novo Mesoiro, desde as 9.00 horas e ata unha hora antes do comezo de cada unha das categorías inferiores.

Deja un comentario