— A directora da Axencia Galega de Innovación participa na presentación dos resultados da iniciativa de biotecnoloxía, unha área de alto impacto na Comunidade
— Galicia executa 15 proxectos de investigación colaborativos e crea 28 contratos de traballo cualificados, entre outras accións
— Destináronse 3M€ ás tres universidades públicas galegas e ás fundacións IDIS, Profesor Novoa Santos e Biomédica Galicia Sur, coordinados pola Fundación Kærtor
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe en Barcelona no acto de peche do Plan complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde, onde destacou o impacto deste programa na cohesión do ecosistema galego de innovación e investigación biomédica e a súa conexión co resto de comunidades autónomas integrantes do Plan (Cataluña, País Vasco, Andalucía, Castela A Mancha, Extremadura e Aragón), así como o seu impulso á investigación biomédica en Galicia.
En concreto, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP sinalou que, no marco deste Plan, Galicia levou a cabo a execución de 15 proxectos de investigación colaborativos e tres accións dinamizadoras coordinadas desde a comunidade. Entre estas destacan a creación da Quimioteca Pública Española, que busca identificar potenciais novos fármacos entre compostos químicos académicos por medio dunha quimioteca conectada co consorcio europeo EU-OPENSCREEN e accesible á comunidade científica para o seu uso en ensaios biolóxicos. Precisamente, “esta acción é un exemplo de conexión interterritorial xa que participan 15 institucións de oito comunidades autónomas e conseguiuse a incorporación de máis de 700 compostos e séguese expandindo por España”, remarcou Carmen Cotelo.
Avances científicos acadados
Esta actividade ten permitido acadar importantes avances científicos en liñas de actuación como o cancro, as enfermidades hepáticas, intestinais, infecciosas, cardíacas e raras, como novas ferramentas bioinformáticas de análise de datos para responder preguntas clínicas; a identificación de compostos activos en mecanismos moleculares de enfermidades; o desenvolvemento de nanopartículas que permiten atravesar barreiras biolóxicas para liberar axentes terapéuticos; e o desenvolvemento de terapias celulares avanzadas para o tratamento do cancro. Así mesmo, as entidades galegas xeraron 28 contratos de persoal investigador ou técnico de I+D+i, desenvolveron tres tecnoloxías con potencial de transferencia e unha spin-off creada, entre outros resultados.
A directora da Axencia Galega de Innovación apuntou tamén que este programa ten permitido identificar exhaustivamente as capacidades do sistema biotecnolóxico galego. “A biotecnoloxía, unha das áreas de alto impacto do Plan galego de innovación e investigación 2025-2027, é un sector no que Galicia ten consolidado a súa posición como un dos polos máis dinámicos e prometedores a nivel estatal e que aspira a converterse nun referente a nivel europeo e internacional no marco da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025”, engadiu.
3M€ para Galicia
A participación galega neste Plan complementario, que agora chega ao seu fin, contou cunha axuda pública de 3 millóns de euros, entre fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia (fondos Next Generation xestionados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) e fondos propios da Xunta de Galicia.
Nesta iniciativa participaron as tres universidades públicas galegas e as fundacións de investigación sanitaria Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, a Fundación Profesor Novoa Santos e a Fundación Biomédica Galicia Sur, baixo a coordinación da Fundación Kærtor.
Galicia ten participado en catro Plans complementarios (comunicación cuántica, biotecnoloxía aplicada á saúde, biodiversidade e ciencias mariñas) captando un investimento público de 45,6 millóns de euros. Os plans complementarios son un instrumento posto en marcha no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation EU para establecer colaboracións entre o Estado e as comunidades autónomas en accións de I+D+i nas que conflúan prioridades comúns que permitan establecer sinerxías, aumentando a eficacia das políticas públicas en certas áreas estratéxicas.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.