Monday 17 de November de 2025

Xornadas micolóxicas


Enviamos tamén imaxes das Xornadas micolóxicas organizadas polo Concello de San Sadurniño, que se celebraron o venres e sábado cunha vintena de persoas inscritas. Na sesión do venres, o experto José Luis Cuba fixo unha introdución ao mundo dos fungos e cogumelos explicando como se desenvolven estes organismos e mostrando imaxes das setas máis comúns que poden atoparse na nosa zona, tanto comestibles como tóxicas.

Cuba, un autodidacta con 40 anos de experiencia que hoxe é unha das grandes autoridades galegas na materia, comentou tamén como deben extraerse as setas -coa punta da navalla, con coidado e volvendo tapar o oco, gardándoas sempre en cestos- e a normativa existente en Galicia sobre este tipo de aproveitamentos, que limita a 2 quilos diarios a cantidade que se pode recoller para autoconsumo.

O sábado tocou saída ao monte percorrendo parte do Forgoselo, que leva anos sendo couto micolóxico (é necesario mercar un pase no bar 3×4 das Neves -A Capela- para poder apañar setas). Alí puideron identificarse distintas especies e recoller aquelas con alto valor culinario, como é o caso dos níscalos e boletus.

O concelleiro de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela, destacou que os cogumelos silvestres e cultivados “son unha opción económica que agora se está vendendo maioritariamente en fresco, pero que tamén poden ofrecer un alto valor engadido desecadas ou como conservas envasadas. É algo que debemos explorar, sobre todo agora que temos unhas instalacións como as da Fusquenlla, en Moeche, nas que hai equipamento para probar elaboracións e producilas”.

Deja un comentario