Monday 17 de November de 2025

A cuarta edición do Fitagal clausúrase en Ribeira tralo paso de cinco funcións teatrais polo novo Auditorio municipal


 O concelleira de Cultura destacou a “gran vitalidade cultural de Ribeira e o forte compromiso co teatro”

A concelleira de Cultura de Ribeira, Ana Barreiro, participou hoxe na clausura da cuarta edición do Festival Internacional de Teatro Amador de Galicia, que trouxo ao novo Auditorio municipal cinco funcións teatrais a cargo de compañías galegas, nacionais e internacionais entre os meses de setembro e novembro.

Antes do peche da mostra con Helena, de Thiassos Teatro (procedente de Portugal), a edil participou na recepción dos galardóns; momento no que destacou que “Ribeira goza de gran vitalidade cultural e o noso Concello sempre tivo un forte compromiso co teatro, polo que este festival contribuíu a fortalecer e enriquecer a programación cultural que ofertamos.” A isto engadiu que “a cultura é peza angular de toda sociedade, pois é unha ferramenta pedagóxica que nos permite conectar a nivel intelectual e emocional, que nos nutre como persoas.”

Barreiro tamén se referiu á importancia da colaboración entre Administracións públicas e entidades promotoras “para levar propostas culturais de interese máis alá das grandes cidades.” “Sigamos na liña de potenciar as artes escénicas, de establecer diálogo e pontes entre os territorios a través das disciplinas artísticas, de establecer redes de colaboración… En definitiva, sigamos desfrutando da cultura”, destacou durante o acto guiado pola actriz Jana Tort.

Unha clausura á que tamén asistiron a deputada provincial de Cultura, Natividade González; concelleiro de Mar, Fernando Abraldes; o presidente de Feteagal, David Vázquez; o seu vicepresidente, Javier Mariño; membros da Corporación municipal; e grupos teatrais participantes.

Cinco funcións entre os meses de setembro e novembro

O festival deixou cinco representacións teatrais en Ribeira de diversa temática nos últimos meses. Denigrantes Comediantes, un grupo galego, levou a escena Amareite ata que te odie, no 27 de setembro.

Xa no mes de outubro estivo EntreCajas Fusión Teatro, de Cantabria, con Soños do Mar Negro, no día 4; A Casa de Bernarda Alba, da man de Noite Bohemia, de Galicia, no día 5; e As Galas do Defunto, a cargo de Cardume Teatro, de Galicia, no día 12. Thiassos Teatro, de Portugal, puxo o broche de outro hoxe, 16 de novembro, con Helena.

Deja un comentario