Monday 17 de November de 2025

María Sampedro destaca que o certame de poesía Albariza é un claro exemplo do que é a extensión cultural


 O Concello de Ribeira e o Centro Recreativo de Artes promoven conxuntamente o certame poético

O Concurso de Poesía Albariza de Artes xa ten as obras gañadoras da súa duodécima edición; un certame xa consolidado que promoven conxuntamente o Concello de Ribeira e o Centro Recreativo de Artes como instrumento para a dinamización da creación literaria e do uso da lingua galega.

A alcaldesa, María Sampedro, participou hoxe no acto de entrega dos premios durante o cal expresou que “o certame de poesía Albariza é un claro exemplo do que é a extensión cultural. Dous organismos que se unen para enriquecer culturalmente á sociedade promovendo a participación activa da mesma e difundindo a cultura dende un lugar moi concreto e significativo como é a parroquia de Artes.” Tamén se referiu ao concurso como “un dos máis lonxevos non só do noso municipio, senón de toda a comarca do Barbanza. Estamos ante unha cita ineludible co mundo das letras, coa creación literaria e en lingua galega.” Durante a súa intervención quixo felicitar a tódalas persoas premiadas; unhas palabras que trasladou tamén a todas aquelas que participaron, ademais de poñer en valor o traballo do Centro Recreativo de Artes e a implicación de varios colexios do municipio.

Tamén falou a actual presidenta da entidade, Rosa Orellán, para quen “hai que ter unha sensibilidade especial para facer poesía, porque hai que chegar á alma.”

Na categoría de 9 a 11 anos, o primeiro premio foi para Nicolás González Ordóñez, con O bosque que cambia de cor; o segundo recaeu en Paula Paz Martínez e Aldara, abre a túa mente; e o accésit foi para As cartas da miña avoa, de Claudia Arcos Paz.

De 12 a 14 anos, distinguíronse os traballos de Fátima de la Iglesia Lobato, con A nosa identidade, primeiro premio; Ana González Barreiro, con Unha muller diferente, segundo premio; e Erik Vidal Pego, con A miña avoa, accésit.

A modalidade de 14 a 18 anos quedou deserta e, na de 18 anos en diante, Manuel López Rodríguez obtivo o primeiro galardón con
Esperta!; e Alba Sánchez Ares, o segundo, con Vodas de ouro; mentres que os accésits foron para As de Artes, de Rebeca Puentes Carro, e Blues da vaca Manola, de Emilio Fernández de Sanmamed Fernández.

Finalmente, na categoría especial de persoas maiores, houbo mención para Pepita Vidal Pérez, con A vida hai que amala, e para Magdalena Castro González, con Pepiño saíu a xogar.

O xurado estivo composto Patricia Torrado Queiruga, escritora de Porto do Son e gañadora deste concurso o ano pasado; Manuel Reiriz Dios, presidente ata este ano do Centro Recreativo de Artes; Naíma El Gargari Sampedro, secretaria de dita entidade; e Alicia Padín Otero, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, en calidade de secretaria. Este tribunal foi o encargado de valorar a calidade das obras presentadas -máis dunha vintena por cada categoría, excepto a adolescente na que non concorreu ningunha- para ditaminar os premios económicos, en vales para material deportivo ou escolar para os menores de 18 anos e, en metálico, para os adultos, agás na categoría especial de persoas maiores, ademais das súas correspondentes placas conmemorativas e publicación dos traballos.

Recoñecemento a Manuel Reiriz e galardón ao tríptico

Amenizada musicalmente polo grupo A Misela, na xornada tamén se fixo entrega do galardón a Clara González Barreiro polo tríptico conmemorativo, ademais de recoñecer o labor de Manuel Reiriz, presidente ata o de agora. A actual presidenta, Rosa Orellán, fíxolle entrega dunha escultura coa inscrición “Mira cara atrás e síntete orgulloso por todo canto conseguiches.”

Deja un comentario