Monday 17 de November de 2025

O Festigual ofrecerá espectáculos escénicos inclusivos, arteterapia en contornas hospitalarias, cinema accesible e visitas guiadas con perspectiva diversa


O festival continúa coa súa terceira semana de programación levando a cultura a espazos de coidado, saúde e inclusión social

O Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade (FESTIGUAL), impulsado polo Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa, avanza na súa terceira semana consolidándose como un espazo cultural aberto, accesible e centrado nas persoas. A programación destes días ten como eixo o poder das artes para xerar benestar emocional e favorecer a inclusión social desde múltiples ámbitos, como a saúde, o coidado e a creación comunitaria, en liña co compromiso do Goberno de Inés Rey de facer da cultura un dereito universal.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, salientou que “este modelo de festival demostra que a cultura pode ser un dereito que coida, transforma e conecta con todas as realidades. A Coruña reafirma así o seu liderado na defensa dunha cultura inclusiva, feita para e con todas as persoas”.

Entre os actos destacados da semana está o espectáculo De tu a tu, da compañía Collectiu Mur, que terá lugar o xoves 20 de novembro no Teatro Rosalía de Castro ás 20:30 horas. A proposta, enmarcada no ciclo TRCDanza, combina acrobacias sobre patíns, clown e beatbox para falar de empatía e confianza a través dunha linguaxe visual accesible. A función será de balde ata completar capacidade e incluirá unha visita táctil previa ao escenario, dirixida a persoas con diversidade visual e a quen desexe experimentar a escena a través do tacto.

O sábado 22 de novembro, o Hospital Marítimo de Oza acollerá a V Xornada Arte e Saúde, organizada pola Asociación Vita Caeli e coordinada por Rebeca Ponte, en colaboración coa Área Sanitaria da Coruña e Cee. O encontro reunirá a profesionais da saúde, terapeutas e artistas que compartirán proxectos de arteterapia aplicados a contextos como a hospitalización prolongada, a exclusión social ou a migración, destacando iniciativas pioneiras desenvolvidas no CHUAC e experiencias innovadoras como a despedida de mascotas en coidados paliativos, da doutora Leticia Hermida.

Tamén o sábado, ás 11:00 horas, o colectivo Nós Why Not? ofrecerá unha visita guiada á exposición fotográfica Carreiros sen néboa na Casa Museo María Pita. A mostra, realizada por persoas con discapacidade intelectual, visibiliza outras formas de mirar e promove a ruptura de estereotipos desde a creación artística.

Ao longo da semana continúa tamén o ciclo de cinema “Un plano diferente” na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano, coa proxección do filme O home e o can acompañado dunha curtametraxe do proxecto Miradas Diversas, en colaboración co Festival INTERSECCIÓN. As sesións celebraranse os xoves e venres ás 20:00 horas, e os sábados ás 17:30 e 20:00 horas, cun prezo simbólico de 3 euros (reducido a 2 euros para persoas desempregadas, maiores de 65 e Carné Xove, e 1,50 euros para as sesións infantís).

Toda a programación está dispoñible en www.festigual.gal , con actividades gratuítas ou a prezos accesibles, abertas a todos os públicos e deseñadas para garantir unha participación plena e diversa.

O FESTIGUAL, que se prolongará ata o 28 de novembro, está organizado pola Fundación Emalcsa coa colaboración da Fundación María José Jove, Vegalsa-Eroski e a Deputación da Coruña, e forma parte do modelo de cidade que promove o Goberno municipal: unha Coruña aberta, igualitaria e que fai da cultura un instrumento de transformación social.

Deja un comentario