Ata 2046 o uso da casa reitoral de Poulo pasará a mans do consistorio, que se encargará da súa rehabilitación e xestión
O Concello de Ordes por fin contará co tan esperado albergue para peregrinos. O alcalde José Luis Martínez Sanjurjo acaba de asinar un convenio co Arcebispado de Santiago no que se lle cede o uso gratuito da casa reitoral de Poulo por un período de 30 anos, cuxos máximos benficiarios serán os peregrinos do Camiño Inglés que transcorre polo lugar. Trátase dun conxunto formado por un inmoble de 182 metros cuadrados e un terreo colindante de 5.500 metros cuadrados.
O Concello de Ordes comprométese á recuperación do ben inmoble cedido mediante a execución dun proxecto de rehabilitación e adecuación para que o lugar poida ser destinado a albergue. Unhas obras que, según o convenio deberán estar rematadas antes de cinco anos, aínda que a intención do consistorio e finalizadas antes deste prazo. Tamén será competencia municipal a xestión do novo servizo.
En palabras do rexedor ordense este acordo “é unha moi boa nova para Ordes. De todos é sabido o enorme interés e a predisposición que dende o Goberno Local temos en potenciar o Camiño Inglés “tanto polo seu interese cultural e histórico como por ser unha importante fonte de recursos e de crecemento económico para Ordes e outros concellos da comarca”. Martínez Sanjurjo asegura que “con acordos deste tipo Ordes está máis preto de acadar o posicionamento e o protagonismo que se merece dentro do trazado do Camiño Inglés”.