Sunday 16 de November de 2025

A Xunta instala 13 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación no río Mandeo, en Betanzos


O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, acaba de completar a instalación dun total de 13 paneis informativos na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do río Mandeo, en Betanzos, co fin de concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a estas zonas así como sobre as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio deste tipo.

 

Esta ARPSI Río Mandeo-Betanzos engloba tamén outros ríos -como o Mendo, o Caraña, o Pasatempo, o Infesta ou o rego das Angustias- e correspóndese maioritariamente co concello de Betanzos, ainda que tamén abarca espazos pertencentes aos concellos de Coirós e Paderne. Esta área, segundo recolle o Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, pertence ao grupo IV, no que están as zonas de maior perigosidade e risco desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.

 

Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Galicia-Costa.

 

Deste xeito, Augas de Galicia colocou xa estes indicadores nun total de 15 concellos que contan con áreas con alto risco de inundación no seu territorio: Gondomar, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Arteixo, Sada, Fene, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez e Betanzos.

 

O organismo autonómico reforza así o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria relativa á xestión do risco de inundación.

 

 

 

Paneis con formatos e mensaxes adaptados

No caso concreto da Arpsi Río Mandeo-Betanzos, o organismo autonómico procedeu a colocar sete paneis xerais, con información xeral sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, outros cinco reducidos e un panel infantil, cunha estética e linguaxe máis simples e adaptadas á idade do público ao que van dirixidos. Estes 13 están todos no concello de Betanzos, pero está previsto instalar outros oito no territorio que comprende esta Arpsi, tanto en Betanzos como en Paderne e Coirós.

 

Os traballos para instalar estes novos carteis na contorna das canles fluviais ao seu paso por Betanzos enmárcanse no contrato de Augas de Galicia para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento de preto de 700.000 euros.

 

Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi desenvólvense tamén obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.

Deja un comentario