Sunday 16 de November de 2025

A Xunta eleva aos 8,9 M€ as axudas a novos proxectos emprendedores coas que promove a Remuda Xeracional e a continuidade de negocios asentados no territorio


O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a ampliación de crédito da convocatoria de 2025 destas achegas, que tiñan inicialmente 6,7 M€ de orzamento, polo que se produce un aumento de case un 33 % co gallo de acadar as 800 entidades beneficiarias

Este ano inclúese como principal novidade o reforzo específico das iniciativas que recollan o testemuño dun negocio viable, evitando así o seu peche

Ademais, simplifícanse os tramos subvencionables co fin de axilizar a xestión administrativa e adáptanse os investimentos, cun máximo de 60.000 euros, á realidade económica dos emprendedores galegos para maximizar o seu impacto

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a ampliación de crédito ata os 8,9 M€ das axudas deste ano destinadas a apoiar novas iniciativas emprendedoras, o que supón un incremento de case un 33 % con respecto aos 6,7 M€ consignados inicialmente. O aumento do orzamento non afecta ao prazo de solicitude —que se pechou o pasado 30 de xuño— pero suporá que se poidan beneficiar dos apoios arredor de 800 entidades.

Cómpre recordar que podían optar a estas achegas persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, cooperativas e sociedades laborais que se constituíran ou se deran de alta desde o 1 de xaneiro de 2023. A orde inclúe como principal novidade o reforzo específico da remuda xeracional que garanta a continuidade de negocios viables. Outras novidades son a simplificación dos tramos subvencionables, co fin de axilizar a xestión administrativa; e a adaptación estratéxica dos investimentos máximos á realidade económica dos autónomos e das pequenas e medianas empresas, principais protagonistas do tecido produtivo galego.

Ademais, mantéñense os conceptos subvencionables respecto das outras edicións, pero introdúcense melloras para reforzar o seu impacto entre o ecosistema emprendedor, reducindo os tramos de investimento subvencionables. Así, aqueles situados entre 5.000 e 20.000 euros contarán cunha axuda do 55 %; os comprendidos entre 20.001 e 30.000 euros recibirán o 50 %; e os que se atopen entre 30.001 e 60.000 euros obterán o 45 % de cobertura. Nos casos nos que o proxecto evite o peche dun negocio, a intensidade da axuda incrementarase nun 10 % adicional, facilitando así que a persoa emprendedora poida recoller o testemuño dunha actividade xa viable economicamente.

No que respecta aos gastos computables, inclúese equipamento informático, mobiliario, eficiencia enerxética, reforma de locais, compra de activos pertencentes a establecementos existentes ou bens de equipo de segunda man, gastos notariais e de rexistro —ata un máximo de 330 euros— e alugueiro —que, como novidade, se incrementa dos 600 euros aos 1.500 €, 1.650 no caso de proxectos de remuda—. Así, e segundo o establecido na orde, as contías poderán ir dos 2.750 euros ata os 34.980 euros.

 

 

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251113/AnuncioG0767-071125-0004_gl.html

Deja un comentario