Sunday 16 de November de 2025

O impacto da contaminación por microplásticos e a xestión e consumo de auga no medio urbano, entre os traballos galardoados nos Premios Prismas


O Palacio Municipal de María Pita acolleu este sábado o acto de entrega aos proxectos premiados, entre os que tamén hai espazo para ‘youtubers’ orientados á divulgación científica no mundo dixital

Neste penúltimo día da Semana da Ciencia 2025, o Palacio Municipal de María Pita acolleu o acto de entrega dos XXXVIII Premios Prismas, convocados polo Concello a través dos Museos Científicos Coruñeses.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, lembrou que os traballos premiados nesta edición abordaron temas de actualidade relacionados co medio ambiente e os recursos naturais, e valorou os enfoques presentados á convocatoria, apuntando á importancia que ten a divulgación científica “á hora de concienciar ao conxunto da cidadanía no contexto actual, mais tamén para concienciar ás futuras xeracións, porque serán elas as que asumirán o legado que nós lle deixemos”, indicou. “Con estas mesmas premisas traballa o Goberno de Inés Rey en diversos ámbitos, adoptando medidas para mellorar o noso medio ambiente a fomentando a concienciación para involucrar á sociedade neses mesmos obxectivos”, dixo Castro.

O certame deste ano premiou cun Prisma de Bronce os mellores traballos en oito categorías: Vídeo, Novo medio, Libro editado, Artigo xornalístico, Radio, Proxecto singular, Proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano e Prisma Especial do xurado. Ademais, todas as modalidades, excepto a de Libro editado e a de Prisma Especial do Xurado, recibiron un premio de 4.000 euros.

Os enfoques desta edición son moi visibles no caso do artigo xornalístico, que fala sobre a contaminación por microplásticos, o traballo en vídeo, que describe o papel das gaivotas nos ecosistemas, ou o traballo gañador na categoría que foi novidade neste ano, a de proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano, cunha presentación que expón a importancia da xestión e consumo de auga e o seu impacto sobre a contorna.

Tamén resultaron galardoados traballos que desenvolven a divulgación da ciencia en consonancia coa inclusión ou a igualdade, como ocorre co Prisma ao mellor proxecto singular, que empregando novas tecnoloxías ofrece contidos a persoas maiores ou en situación de dependencia. Finalmente, o Prisma Especial do Xurado recoñeceu nesta ocasión a unha institución pública, o Instituto de Astrofísica de Andalucía, cunha extensa traxectoria na divulgación científica que se caracteriza pola innovación nos formatos e a calidade dos seus contidos.

Prismas de Bronce 2025
• Mellor traballo en vídeo: Querida gaivota maldita!, de Manuel Pedrosa Sánchez e Mariam Marino Casal, por reivindicar o papel das gaivotas nos nosos ecosistemas costeiros a través dunha coidada produción audiovisual. O documental aborda a situación da gaivota patiamarela no Parque Nacional Illas Atlánticas.
• Mellor traballo en novos medios: Reacciona Explota, canle de Youtube de Aythami Soto Rodríguez, por espertar o asombro narrando con profundidade aspectos pouco coñecidos da ciencia. Os seus contidos achegan diferentes aspectos da química para coñecer, por exemplo, que é e como funciona a pólvora, ou como facer luz líquida.
• Mellor proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano: Agua clara, de Stéphanie Aparicio Antón, por presentar con claridade e sentido do humor cuestións esenciais sobre a xestión e o consumo de auga.
• Mellor artigo xornalístico: Rodeados de microplásticos: la contaminación minúscula que bebemos, comemos y respiramos, de Clemente Álvarez e Laura Navarro, publicado en El País, por presentar un tema relevante con mirada ampla e solidez gráfica e narrativa. O artigo expón un tipo de polución plástica que adoita entrar no corpo humano en concentracións moi pequenas, e como é precisamente o seu tamaño ínfimo o que máis preocupa aos científicos.
• Mellor traballo en radio: ¿Por qué andamos con dos piernas?, de Xaviera Torres e Raquel Martín Alonso, para RTVE, un programa luminoso que partindo da curiosidade infantil chega a todos os públicos. A través desta reportaxe ofrécense respostas á pregunta por que os seres humanos somos bípedos?
• Mellor proxecto singular: Més que ciència, de Daniel Amatller, por combinar as novas tecnoloxías e a calidez da atención personalizada para levar a divulgación científica ás persoas maiores ou en situación de dependencia.
• Mellor libro editado: ¿Por qué soñamos? Y otras grandes preguntas sobre dormir y el sueño, de Pablo José Barrecheguren Manero, en Plataforma Editorial, por contar de forma rigorosa e amena a importancia do sono e dos soños.

Ademais, o xurado decidiu outorgarlle o Prisma Especial do Xurado ao Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), por un sólido proxecto de comunicación científica caracterizado pola calidade e a audacia na exploración de novos formatos.
Outorgáronse, ademais, dúas mencións de honra:
• Mención honorífica na categoría de artigo xornalístico para Él darrer alè del mar d’Áral, de Laura Carrau Pascual e Rafael Marcé Romero, publicado en Revista Mètode, por desvelar as consecuencias globais dunha catástrofe ambiental causada pola acción humana.
• Mención honorífica na categoría de proxecto singular para Hypatia II: abriendo el espacio a la mujer, da Associació Hypatia Mars, por promover referentes femininos na ciencia e na exploración espacial.

O xurado dos Premios Prismas presidiuno o paleontólogo e museógrafo Luis Alcalá; acompañado por Mónica Salomone, xornalista científica e directora de comunicación do CNIO; Silbia López de Lacalle, xornalista e divulgadora científica; Sergio Rodríguez Roiloa, profesor da Área de Ecoloxía na Universidade da Coruña e director da Cátedra Emalcsa-UDC; e Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, que exerceu como secretario do xurado.

Deja un comentario