• Censura que o executivo de Sanmartín non establecera “ningún tipo de diálogo” cos gobernos de Brión e Ordes, “xa que son os GES que dependen destes dous concellos os que están suplindo a falta de efectivos”
• Reclama que se desbloquee o reforzo da plantilla de bombeiros coas 12 prazas pendentes desde o 2023 e o 2024
Gonzalo Muíños denuncia a situación “límite” na que se atopa o servizo de bombeiros de Santiago co parque baixo mínimos e cunha capacidade de reacción “limitada”. Isto, despois de que este sábado os bombeiros tiveran que atender un incendio nun edificio en Pontepedriña para socorrer a dúas persoas que quedaran atrapadas no inmoble en chamas: “unha intervención como a de hoxe requiría dun equipo completo e tivo que ser atendida por só dous bombeiros e dous mandos do parque” censura.
O que fóra responsable de Seguridade Cidadá durante o pasado mandato, insiste en que neste tipo de situacións “é crucial a rapidez na intervención” polo que, agardar á mobilización dos GES doutros municipios veciños “implica unha perda de tempo que pon en risco a seguridade das persoas afectadas pola emerxencia”. En calquera caso, Muíños quixo agradecer a “profesionalidade” dos bombeiros de Santiago e a axuda do GES de Brión e de Ordes: “unha responsabilidade que non vemos no goberno local de Santiago”.
Pagas extra atrasadas e reforzo de plantilla paralizado
Muíños asegura que a situación “límite” na que se atopa o servizo de bombeiros na actualidade xa fora advertida hai meses, de feito as concelleiras non adscritas xa reclamaran en setembro a axilización no pago das horas extras pendentes desde novembro do pasado ano: “sempre dixemos que ese pago é fundamental nun servizo no que as horas extra son case estruturais, pero faltou axilidade no departamento de Facenda”. Nese sentido, Muíños apunta ao concelleiro responsable de Facenda e Persoal, Manuel César, e pide que se explique o retraso no pago destas horas así como a paralización do reforzo de plantilla xa previsto en 2023 e 2024.
Segundo Muíños se trata de 12 prazas, 3 previstas para o 2023 e outras 9 contempladas no exercicio seguinte, e que “suporían un reforzo na plantilla fundamental para blindar o servizo”.
“Están poñendo en risco a seguridade da cidadanía e dos propios bombeiros”
Gonzalo Muíños amosouse especialmente crítico coa actitude da propia Alcaldesa: “como máxima responsable deste goberno, debe responder que están a facer para resolver esta situación” xa que, apunta, “unha situación que era inédita na historia do noso Concello estase a normalizar desde hai un mes”.
O concelleiro non adscrito cualificou a situación de “vergonza” e asegurou que estamos ante un problema dunha “gravidade enorme que compromete a seguridade da cidadanía de Santiago, pero que tamén pon en risco a dos bombeiros que teñen que intervir sen un equipo de profesionais dimensionado ás emerxencias”. Neste sentido, reclama que se avance no desbloqueo inmediato do pago das horas extraordinarias, pero tamén que se axilice a convocatoria das 12 prazas pendentes para reforzar o servizo.
En calquera caso, Muíños apunta ao diálogo “cos profesionais e cos concellos veciños” para tentar reconducir esta situación. Acusa ao goberno local de desinteresarse sobre este problema xa que, “nin tan sequera se tomaron a molestia de establecer algún tipo de diálogo cos gobernos de Brión ou Ordes”, toda vez que son os grupos de emerxencias supramunicipais (GES) que dependen destes dous concellos os que están suplindo a falta de efectivos dispoñibles en Santiago.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.