Sunday 16 de November de 2025

A Xunta levará ao diálogo social a Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados


― O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse recentemente co grupo de traballo de Seguridade e Emerxencias, un dos creados para a redacción desta folla de ruta pioneira, tarefa que encara a súa recta final

― Esta futura ferramenta incluirá medidas orientadas a acadar unha maior igualdade de oportunidades no acceso e desenvolvemento profesional das mulleres nos sectores con menor presenza feminina

― Con esta acción o Goberno galego reafirma o seu compromiso coa igualdade laboral, que seguirá afianzando no 2026 con medidas como a reedición de apoios para sectores masculinizados ou doutras liñas a prol da contratación de mulleres

A Xunta de Galicia ultima a elaboración da Estratexia galega de emprego feminino cos distintos grupos de traballo que reúnen perfís profesionais nos ámbitos da seguridade e emerxencias, obra civil, loxística, dirección xeral, deporte, industrias culturais e creativas, sector agro-gandeiro, pesca e industrias agroalimentarias, entre outros. A máis recente destas xuntanzas, e que forma parte da etapa final da redacción, foi co grupo de Seguridade e Emerxencias e nela participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández. Unha vez finalizada a elaboración desta estratexia pioneira, o seguinte paso é levala á Mesa de Diálogo Social para abordar esta folla de ruta con patronal e organizacións sindicais.
Con esta ferramenta, o Goberno galego busca promover a incorporación, permanencia e progresión profesional das mulleres en ámbitos laborais onde a súa presenza segue a ser minoritaria. En concreto, este tipo de encontros permiten afondar no coñecemento das barreiras estruturais, culturais e organizativas que limitan o acceso e desenvolvemento das mulleres nestes sectores, así como identificar boas prácticas e propostas de actuación concretas. Estas cuestións son tidas en conta na redacción da Estratexia galega de emprego feminino, que incluirá medidas orientadas a acadar unha maior igualdade de oportunidades no acceso e desenvolvemento profesional das mulleres nos sectores con menor presenza feminina.
Con esta acción, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral, que seguirá afianzando no 2026 con medidas como a reedición de apoios para sectores masculinizados ou doutras liñas a prol da contratación de mulleres.

Deja un comentario