O Concello acometerá nos vindeiros días a renovación do pavimento na superficie de uso, substituirá o peche perimetral e habilitará unha nova rampla de entrada, máis accesible
A inicios da semana que vén comezarán os traballos de acondicionamento e adecuación previstos no canil do Barrio das Flores, unha intervención que forma parte dos compromisos asumidos polo Executivo municipal coa veciñanza do distrito.
A área canina do Barrio das Flores está situada na súa parte central e, tras avaliar as súas condicións actuais, o Concello acometerá nos vindeiros días unha serie de actuacións orientadas a mellorar a accesibilidade do recinto, a súa superficie de uso e tamén o seu pechamento perimetral.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, detallou máis polo miúdo as intervencións que se levarán a cabo: “Renovaremos o pavimento do canil para facelo máis estable e evitar os embarramentos, tamén na zona axardinada que hai ao seu arredor. E ademais, disporase unha nova rampla de acceso, máis adaptada ás necesidades transmitidas polas persoas que usan este espazo para levar os seus cans”.
Ademais, no contexto dos traballos tamén se renovará o peche da área canina e, en paralelo, instalaranse novos paneis de sinalización, co obxectivo de informar correctamente ás persoas usuarias e regular o uso deste espazo conforme á normativa vixente.
Noemí Díaz indiciu que o prazo estimado de execución das obras é de dous meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para desenvolver as intervencións previstas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.