O traballo que vimos realizando nos últimos anos para a creación de espazos verdes máis sostibles e que sirvan, ademais, como elementos vertebradores do territorio, segue a dar os seus froitos. Despois de gañar o Premio Nacional de Parques y Jardines Públicos na categoría de concellos de menos de 50.000 habitantes, hoxe recibimos un novo recoñecemento: 4 Flores de Honra nos premios Vilas en Flor, a máxima distinción outorgada este ano no certame promovido pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería.
A satisfacción foi dobre, porque o noso concello foi a sede da gala de entrega dos galardóns. O acto, celebrado no Fórum Carballo, estivo co-presidido polo alcalde, Daniel Pérez; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. O auditorio estivo ao completo, xa que Carballo recibiu un cento de representantes dos 41 concellos distinguidos polo movemento Vilas en Flor e das empresas patrocinadoras e colaboradoras.
Daniel Pérez puxo en valor o traballo que desenvolve o persoal técnico dos concellos para avanzar “cara un territorio máis sostible” e, no caso concreto de Carballo, tamén da brigada municipal de xardíns, composta maioritariamente por persoas con discapacidade, que “realizan un traballo magnífico”, dixo.
O alcalde de Carballo apuntou que a rede municipal de xardíns susténtase “sobre tres piares básicos: a revalorización e rexeneración de zonas verdes urbanas, a conexión interurbana con vexetación arbórea autóctona e sendas ciclo-peonís e a renaturalización e o fomento da biodiversidade mediante a aposta por especies autóctonas resilientes e con baixo consumo de auga”. O resultado está á vista, e grazas a este tipo de medidas Carballo é “un bo lugar para vivir, máis verde e que está á vangarda da loita contra o cambio climático.
Daniel Pérez animou a todas as Administracións a camiñar pola mesma senda, porque “só temos un planeta”, e insistiu en que as políticas de sostibilidade ambiental teñen un obxectivo fundamental: “mellorar a vida das persoas”.
O Concello de Carballo participou dun xeito moi activo na gala de entrega dos premios Vilas en Flor. Ademais de poñer o Fórum Carballo a disposición da organización, tamén coidamos de que nos aperitivos que se serviron ao remate non faltaran elementos vexetais e flores comestibles, e agasallamos a todas as persoas asistentes cun fillo do carballo de Vilar de Francos e unha maceta artesanal de madeira que leva gravados versos dedicados por distintos autores e autoras á árbore que nos dá nome.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.