O deputado socialista critica que Santiago siga sen ser declarada zona de mercado residencial tensionado nin contar cunha empresa municipal de vivenda ao rematar 2025.
O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, situou hoxe a vivenda como “unha das cuestións que nos parece a máis prioritaria que temos a día de hoxe no traballo que estamos a facer” en Santiago de Compostela e anunciou novas iniciativas socialistas neste ámbito.
Bouza explicou que o PSdeG solicitará “que se incorpore, nos vindeiros orzamentos do ano 2026, unha residencia universitaria en Santiago de Compostela”, co obxectivo de aliviar a presión que o estudantado exerce sobre o mercado do alugueiro. “Estamos falando especificamente das residencias universitarias, no marco da vivenda, para conseguir que ese fluxo que existe, tantos mozos e mozas que a día de hoxe chegan a Santiago para estudar e que precisan unha vivenda, intentemos canalizalo tamén a través das residencias universitarias”, indicou. Recordou que “hai unha altísima demanda na nosa cidade” que non pode cubrirse “por falta de prazas”.
O deputado enmarcou esta proposta nunha estratexia máis ampla para facer fronte á “crise” e á “emerxencia habitacional” da cidade. “Non é unha cuestión que se vai arranxar simplemente polo feito de que poñamos enriba da mesa unha proposta única”, advertiu.
Banco público de aluguer e vivenda baleira en Santiago
Bouza defendeu tamén a creación dun banco público de aluguer para mobilizar a vivenda baleira da cidade. “Queremos apuntalar unha das medidas que nos parece importante, que é loitar contra que existan vivendas baleiras na nosa cidade”, afirmou, lembrando que “todas as administracións terían que estar poñendo medios e recursos para que isto se poida solucionar”.
Sobre as vivendas baleiras na cidade, o deputado lembrou que “temos unha proposta que se pode poñer enriba da mesa e coa que se pode combater claramente este fenómeno que é o banco público do aluguer”, subliñou. Explicou que modelos similares funcionan “no País Vasco, en Cataluña, en Portugal” e que “non é algo tampouco novidoso e que non estea xa testado”.
Segundo Bouza, este tipo de programas permiten que “as persoas que precisan unha vivenda teñan topado o prezo que teñan que pagar ata un 30% da renda media”, mentres que os propietarios teñen garantido o cobro da renda e a cobertura ante posibles danos, “porque sería a administración a que corrixe con esas responsabilidades”. Tamén destacou que favorecen contratos de longa duración.
Zona tensionada e empresa municipal de vivenda
Bouza insistiu en que Santiago debe ser declarada zona de mercado residencial tensionado e criticou tanto ao Goberno de Rueda como ao executivo de Sanmartín pola súa xestión. Recordou que queren que se declare a cidade como zona de mercado residencial tensionado incidindo en “que a que tería que facelo de oficio sería a Xunta de Galicia”.
Considerou que o executivo de Sanmartín “tivo tempo sobrado” para presentar correctamente a documentación pero fíxoo “tarde”, e engadiu que “houbo un requirimento pola Xunta que non foi atendido polo Concello”. Ao mesmo tempo, reclamou máis apoio técnico e económico por parte da Xunta, explicando que “entendemos que a Xunta de Galicia tería que estar facilitando aos concellos os mecanismos adecuados”.
Como contraste, puxo o exemplo da Coruña salientando que “cando se quere ter vontade para solucionar as cousas, pode facerse como se fixo na Coruña. Houbo un requirimento pola Xunta de Galicia, atendeuse o requirimento pola parte do Concello e a continuación se fixo a declaración”. En Santiago, pola contra, “o concello de Santiago recorre a resolución que fai a Xunta de Galicia en vez de presentar as alegacións ou un informe corrixido”.
“Uns e outros ao final o que están provocando é que a día de hoxe rematemos o ano sen que estea Santiago declarada zona tensionada”, criticou.
Bouza lembrou ademais que “rematamos este ano 2025 sen a empresa municipal de vivenda”, malia estar comprometida. Por iso reclamou máis claridade e esixencia do Concello coa Xunta para que “ Rueda demostre que ten un compromiso claro con Santiago de Compostela”.
Bombeiros e Policía Local: “falta de vontade política evidente”
Sobre o conflito das horas extra en Bombeiros e Policía Local, Bouza asegurou que as demandas “tanto dos policías como dos bombeiros, nos parecen absolutamente lexítimas e é verdade que esta solución está encallada”. Denunciou “situacións absolutamente históricas e non históricas no sentido positivo”, e atribuíu o conflito á “falta de vontade política evidente”.
Lembrou que “esta situación xa se coñecía desde inicios deste ano” e que “a falta de xestión do goberno de Santiago de Compostela xunto coa falta de diálogo deste goberno que preside a señora Sanmartín” levou á situación actual. Por iso reclamou “que efectivamente se cumpra cos policías e cos bombeiros e que evidentemente o goberno municipal dea unha solución inmediata a esta cuestión”.
Seguimento dos acordos orzamentarios
En relación coa situación política no Concello, Bouza afirmou que “o Partido Socialista é necesario para poder aprobar calquera orzamento no propio concello de Santiago”. Explicou que onte se celebrou “unha xuntanza de seguimento dos pactos acadados co Grupo Municipal Socialista, co Partido Socialista, tanto no 2024 como no 2025” e insistiu en que “primeiro o que temos esixido é que se cumpran os pactos de 2024 e 2025”.
Comprometeuse a manter “unha oposición construtiva” pero “esixente”, lembrando que “o noso único pacto que temos é coa veciñanza de Compostela”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.