O Concello de Neda presenta a súa programación especial co gallo do 25N Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A oferta inclúe accións reivindicativas, formativas e de sensibilización, e se complementa coa oferta cultural municipal. Entre as propostas, a tradicional Marcha polo bo trato e un novidoso taller de autocoñecemento para o cambio.
A programación deseñada dende a administración local arrincará o vindeiro luns, a partir das 8:30 horas, cunha charla, destinada ao alumnado do IES Fernando Esquío. A sesión leva por título “Sementes de cambio. Erradicando a violencia sexual” e chega á localidade, grazas á pertenza á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.
Sete días despois, o luns 24 terá lugar na Casa da Cultura, a partir das 16:30 horas, a primeira entrega do “Obradoiro de autocoñecemento para unha vida sa”, que terá continuidade os días 1 e 15 de decembro. Unha proposta, dirixida pola antropóloga social e docente universitaria en temas de autocoñecemento, sexualidade e relación humanas Roxana Volio, para a que será preciso inscribirse.
O propio 25 de novembro, a partir das 10.30 horas, terá lugar unha cita habitual. Trátase da Marcha polo bo trato, unha andaina a prol da igualdade que une nas rúas de Neda a alumnado dos centros educativos locais, á que se convida a participar á veciñanza que o desexe. Un percorrido entre o albergue de peregrinos e a Casa do Concello, onde se garda un minuto de silencio polas vítimas, tras o que se inicia na Casa da Cultura un acto coas reflexións dos estudantes sobre a temática. Pola noite, a fachada da Casa Consistorial a tradicional iluminación conmemorativa.
E ademais, no marco da oferta cultural municipal, o venres 21, a partir das 20:30 horas, chegará á Casa da Cultura, dentro do ciclo “Tempo para o Teatro”, a obra “Vitória. Retrato dunha denuncia” de Iria Pinheiro, unha peza autobiográfica sobre o acoso sexual. E dende o próximo luns, a biblioteca contará cun centro de interese sobre a igualdade de xénero.
O programación municipal con motivo do 25 N é posible cos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e coas colaboracións de Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.