Friday 14 de November de 2025

Román Rodríguez destaca a excelencia da universidade galega nos premios Fin de Carreira 2023/2024


— Un cento de estudantes son recoñecidos polo seu rendemento, 50 da Universidade de Santiago de Compostela, por 30 da de Vigo e 21 da Universidade da Coruña

— A Xunta reforza en 2026 as achegas ás universidades públicas, que subirán a 560 M€

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou hoxe que os 101 estudantes recoñecidos cos Premios Fin de Carreira 2023/24 representan “a excelencia, o esforzo e o talento que caracterizan ao Sistema Universitario Galego”. Durante o acto de entrega dos galardóns, o titular de Educación subliñou que estes mozos e mozas “son un exemplo de persoas comprometidas e preparadas para facer a Galicia Calidade”.
O conselleiro puxo en valor o compromiso firme da Xunta co fortalecemento do Sistema Universitario Galego, sustentado nun modelo de educación superior “baseado na innovación, na investigación e na internacionalización”. Aí encádrase tamén a aposta da Xunta con medidas pioneiras como a matrícula gratuíta que, xunto á conxelación das taxas, permite un aforro de máis de 20 millóns de euros para as familias galegas. Neste marco de apoio, as achegas da Xunta ás universidades públicas volven incrementarse nos Orzamentos de 2026, ata acadar un máximo histórico de 560 millóns, un 4% máis.

Nesta edición dos Premios Fin de Carreira, correspondente ao curso 2023/24, foron distinguidos 101 titulados das tres universidades públicas. O 61% son mulleres, fronte ao 39% de homes. Por institucións, a Universidade de Santiago de Compostela reúne 50 galardoados, seguida da Universidade de Vigo con 30 e da Universidade da Coruña con 21. Por ramas de coñecemento, Ciencias Sociais e Xurídicas concentra 42 recoñecementos, Enxeñaría e Arquitectura 19, Ciencias da Saúde 15, Ciencias 13 e Artes e Humanidades 12.

Bolsa e diploma acreditativo
Cada un dos galardoados recibirá un diploma acreditativo e unha dotación económica de ata 3.500 euros, en recoñecemento ao seu rendemento académico e á súa traxectoria universitaria. Para optar á distinción, os candidatos debían contar cunha nota media mínima de 8,5 puntos nas ramas de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e de 7,5 puntos na rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Deja un comentario