Friday 14 de November de 2025

Galicia logra o seu sexto centro de excelencia de FP e sitúase como unha das comunidades líderes


— Este ano incorpóranse á rede o Centro Integrado de FP Universidade Laboral, de Culleredo, como referente no eido marítimo-pesqueiro

— Román Rodríguez salienta unha década de traballo para situar a FP galega como referente estatal de innovación, investigación e emprendemento

— Galicia conta coa Estratexia galega de FP 2030, dotada con 900M€, como folla de ruta e pide o mantemento dos fondos europeos para consolidar esa liña

Galicia suma xa seis centros na Rede estatal de excelencia da Formación Profesional, polo que se sitúa no grupo de comunidades líderes neste eido. Tras a incorporación, este ano, do Centro Integrado de FP Universidade Laboral de Culleredo, a Comunidade galega ocupa a segunda posición, xunto con Aragón e Cataluña (tamén con seis centros cada unha), e tan só superada por País Vasco (con sete centros).
Con motivo deste recoñecemento, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe coa ministra de Educación, FP e Deportes, Pilar Alegría, o CIFP Universidade Laboral de Culleredo, que acaba de ser seleccionado como referente no eido marítimo-pesqueiro a nivel estatal.
Román Rodríguez salientou que este selo de calidade a seis centros galegos dos 75 que o ostentan a nivel estatal é o resultado do intenso traballo levado a cabo desde Galicia na última década para impulsar, prestixiar e innovar as ensinanzas de Formación Profesional con propostas pioneiras referentes que agora se queren estender ao resto de España.
Nos últimos anos “temos experimentado unha auténtica revolución silenciosa que se percibe en todos os indicadores de calidade, eficacia e eficiencia”, salientou o conselleiro, que se referiu ao salto “tanto cuantitativo como cualitativo” para dar oportunidades aos mozos que se forman na FP ao tempo que dotar aos sectores produtivos de profesionais cualificados que melloran a competitividade do tecido socio-empresarial. Proba diso son os 72.000 matriculados este ano, que duplican a cifra de hai dez anos, así como os índices de empregabilidade, do 85% na FP ordinaria e do 100% na Dual.
O Goberno da Xunta continuará coa firme aposta pola innovación, a investigación e o emprendemento como sostén da calidade da FP galega a través da Estratexia galega de FP 2030, dotada con 900M€. Neste eido, os fondos europeos xogan un papel esencial e a Administración autonómica agarda que o Goberno do Estado siga garantindo estes fondos como garantes dunha Formación Profesional de referencia estatal.
CIFP Universidade Laboral, referente de FP marítimo-pesqueiro
O Centro Integrado de FP Universidade Laboral de Culleredo foi seleccionado na convocatoria deste ano como Centro de excelncia da rede estatal no eido marítimo-pesquero, unha distinción que leva aparellado un investimento de 1M€ asociado ao desenvolvemento do seu plan estratéxico centrado na innvación, a sostenibilidade e a dixitalización.

Isto implica a modernización tecnolóxica de aulas e talleres e a incorporación de metodoloxías e ferramentas de vangarda como simuladores de navegación e maquinaria con realidade inmersiva. Ademais, o avance sostible integrarase de xeito transversal na preparación dos futuros profesionais para os retos de descarbonización, o impulso da eficiencia enerxética e o cumprimento das novas normativas medioambientais.

Deja un comentario