Friday 14 de November de 2025

O Concello de Cariño adxudica a rehabilitación do pavillón municipal, que contará cun investimento de máis de 200.000 euros


• A Xunta achegará o 80% do orzamento total e o Concello asumirá o 20% restante.

• “Devolvemos á cidadanía un recinto seguro, renovado e á altura do que merece”, destaca a alcaldesa, Ana María López.

O Concello de Cariño adxudicou as obras de acondicionamento e rehabilitación do pavillón polideportivo municipal, unha actuación prioritaria para o goberno local que permitirá recuperar un espazo esencial para a actividade deportiva, educativa e comunitaria tras case dous anos en desuso. Os traballos foron adxudicados á empresa Calicanto Obras e Proxectos SL por un importe de 193.837,72 euros (234.543,64 euros IVE incluído).

A actuación está financiada mediante o convenio asinado o pasado mes de xullo entre o Concello e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. En virtude deste acordo, a Xunta achegará o 80% do orzamento total e o Concello asumirá o 20% restante.

O proxecto permitirá resolver as deficiencias estruturais detectadas no edificio, pechado desde hai case dous anos debido á deterioración provocada por filtracións, humidades e danos importantes na pista de madeira. As obras inclúen a reparación integral da cuberta, a renovación completa da pista deportiva, a substitución de portas deterioradas e a adecuación das saídas de evacuación á normativa vixente. Así mesmo, procederase á retirada das chapas de fibrocemento instaladas fai máis de cincuenta anos, cumprindo coa lexislación actual en materia de residuos e seguridade.

A alcaldesa de Cariño, Ana María López, destacou que “esta actuación supón unha mellora moi esperada por toda a veciñanza, que levaba case dous anos sen poder utilizar un espazo esencial para a vida deportiva e comunitaria de Cariño”. A rexedora sinalou ademais que se trata de “un paso firme para recuperar un servizo público fundamental e devolver á cidadanía un recinto seguro, renovado e á altura do que merece”.

Con esta intervención dáse resposta a unha demanda histórica da veciñanza e avánzase na mellora das dotacións públicas do municipio, cumprindo un dos obxectivos marcados polo actual executivo local desde a súa chegada á Casa do Concello en 2023.
Adxudicada tamén a renovación da instalación fotovoltaica da piscina municipal

Do mesmo xeito, o Concello de Cariño adxudicou a renovación da instalación fotovoltaica da piscina municipal, unha actuación necesaria tras detectarse fallos irreparables nos investidores instalados en 2009. O contrato foi outorgado á empresa PSM Connect Systems SL, que presentou unha oferta de 12.832,12 euros (15.626,87 euros IVE incluído).

Esta intervención, levada a cabo mediante un convenio coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, permitirá garantir o funcionamento eficiente do sistema solar e mellorar o rendemento enerxético das instalacións deportivas municipais.

Deja un comentario