· A concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, presentou, esta mañá, o novo Concurso de Embelecemento de Establecementos Comerciais e Hostaleiros.
Fomentar a participación do tecido empresarial local na creación dun ambiente festivo e atractivo durante o Nadal. Ese é o obxectivo principal do novo Concurso de Embelecemento de Establecementos Comerciais e Hostaleiros no Nadal da Concellería de Promoción Económica. A edil da área, Amparo Cerecedo, presentou esta mañá a convocatoria, coa que se busca “implicar aos comercios e locais hostaleiros para avivar o espírito do Nadal, dinamizar e estimular o consumo nestas datas”.
A iniciativa está aberta á participación de todos os locais comerciais e hostaleiros situados no termo municipal, sempre e cando dispoñan de escaparate, fachada ou dun espazo visible desde a vía pública. O Concello establece dúas categorías, unha dirixida aos comercios e outra aos negocios hostaleiros.
A inscrición poderá formalizarse ata o 25 de novembro e, para facelo, deberase enviar un correo a promocioneconomicapobra@gmail.com no que se fagan constar os seguintes datos: nome do negocio, enderezo completo, persoa de contacto e teléfono, categoría de participación e epígrafe do IAE correspondente segundo o tipo de negocio. As solicitudes serán respondidas por persoal técnico municipal que confirmará a participación no concurso.
Unha vez completado este primeiro paso, os participantes deberán colocar as decoracións de Nadal e mantelas, como mínimo, ata o 6 de xaneiro. Así mesmo, deberán remitir no mesmo correo electrónico un mínimo de catro fotografías da decoración que serán avaliadas polo xurado.
Criterios de valoración
Á hora de decidir os gañadores do certame teranse en conta aspectos como a creatividade e orixinalidade, a estética e harmonía do conxunto, a iluminación e ambientación do Nadal, a integración ca contorna urbana e a contribución ao embelecemento xeral da vila. Así mesmo, a ornamentación do interior e do exterior do establecemento será outra das cuestións que se valorarán á hora de outorgar os galardóns.
Tras a deliberación, entregaranse catro galardóns, dous por cada categoría. En cada unha entregarase un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo de 500.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.