Friday 14 de November de 2025

O Concello de Ortigueira celebra un ano máis a iniciativa “Xanelas do Nadal 2025”


• A actividade pretende para fomentar a relación entre veciños nos días previos ás festas do Nadal.
• O prazo para inscribirse finaliza o próximo 28 de novembro.

O Concello de Ortigueira celebra, outro ano máis, a celebración da actividade “Xanelas do Nadal”, que pretende fomentar a relación entre veciños os días previos ás celebracións do Nadal.
As persoas interesadas en participar deben decorar e iluminar unha xanela da súa casa e “inaugurala” o día que lles toque. A inauguración consiste nunha invitación xeral a todos aqueles que se queiran achegar a compartir unha bebida e algo de picar, na medida das posibilidades de cada anfitrión. Tamén poden participar, asociacións, colectivos, comerciantes e comunidades de veciños.
As xanelas iríanse iluminando por números, ata completar o calendario de advento desde o 1 de decembro ata noiteboa.
Para inscribirse e ser persoa anfitrioa, as persoas interesadas teñen que chamar de luns a venres á oficina de turismo: 981 422 089; ou ao Concello: 981 400 000, 981 400 001; e preguntar por Lupe.
O prazo para inscribirse finaliza o próximo 28 de novembro.
Desde o Concello ortegano anímase a todos os veciños e veciñas do municipio para compartir e a dar luz e cor á entrada do Nadal.
Como en anos anteriores lémbrase que esta actividade é un proxecto veciñal, en pode participar calquera veciño ou veciña que o desexe.

Deja un comentario