Friday 14 de November de 2025

A Coruña inicia a conta atrás para acender o seu alumeado de Nadal, con case 3 millóns de luces led e medio milleiro de arcos repartidos pola cidade


O Concello ultima estes días a instalación dos detalles e motivos festivos que se distribuirán polos dez distritos “da forma máis equitativa posible”, tal e como precisou a alcaldesa, Inés Rey

O vindeiro día 28, Bebeto, lenda do Deportivo, será o protagonista do acto oficial de acendido das luces de Nadal, en María Pita

O Concello avanza estes días cos traballos de instalación do alumeado de Nadal na cidade, que o vindeiro venres 28 iluminará as rúas da Coruña tras o acto oficial de acendido que terá lugar en María Pita, co exfutbolista do Deportivo Bebeto —encargado de premer o botón— como o gran protagonista da xornada.

A menos de dúas semanas desta cita, o Executivo local continúa habilitando os arcos luminosos e motivos festivos que se repartirán polos barrios da cidade. Neste sentido, a alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o alumeado de Nadal deste ano contará con 2,8 millóns de luces led, que supoñen un investimento anual de 770.000 euros.

Entre as figuras máis chamativas do Nadal coruñés estarán, unha vez máis, a esfera luminosa da dársena da Marina e tamén a árbore xigante de luces que habitualmente se situaba no Obelisco. Este ano, por mor das obras de reurbanización dos Cantóns, o abeto de Nadal estará emprazado no Parrote, onde se iniciaron as tarefas de montaxe a inicios deste mes.

Ademais, neste Nadal que volverá a contar cos clásicos teitos de luz na rúa Real e a praza de Azcárraga, tamén haberá decoración especial nunha das principais portas de acceso á cidade: Alfonso Molina. A bordo do ‘Atalaya’, o barco que dá a benvida aos recén chegados pola avenida, instalaranse motivos luminosos cos tres Reis Magos. Será un dos motivos de Nadal máis chamativos deste ano nos principais accesos á Coruña, onde tamén haberá arcos que incluirán elementos identitarios da cidade, como a Torre de Hércules.

En sintonía con este achegamento aos principais símbolos da Coruña, tamén haberá detalles especiais sobre a fonte de Catro Camiños, onde a iluminación en forma de paraugas será con luces brancas e azuis, un guiño xa tradicional ás históricas celebracións dos éxitos do Real Club Deportivo neste punto da cidade.

Con todo, a alcaldesa fixo fincapé en que o principal compromiso do Goberno municipal de cara a este Nadal era dar resposta ás peticións de cada distrito con respecto á distribución das luces: “Ao longo deste último ano, nos encontros informativos que estamos a manter coa veciñanza nos centros cívicos, escoitamos as demandas ao detalle. Sendo conscientes da dificultade de chegar a cada rúa da Coruña, estamos a tentar que o alumeado esté repartido da forma máis equitativa posible, con luces en todos os barrios, porque non só contribúen a dinamizalos en termos comerciais, senón a darlles máis vida e alegría nestas datas tan especiais”, indicou.

Baixo esta filosofía, o cadro de traballos que se están a desenvolver nas últimas semanas inclúen a instalación de elementos luminosos nos dez distritos, tanto nos máis densamente poboados como nos núcleos poboacionais máis dispersos ou afastados do centro.

Máis de medio milleiro de arcos luminosos nas rúas

Nesta edición do Nadal da Coruña, o Concello prevé instalar case 560 arcos luminosos nas rúas da cidade. A meirande parte deles, ao longo dos percorridos máis transitados e poboados de cada barrio. Aos arcos sumaranse centos de motivos navideños e detalles luminosos máis pequenos, que se habilitarán nos báculos de alumeado público.

Ademais, tamén volverán ser visibles os clásicos teitos de luz cos que se iluminarán os espazos máis abertos e con tránsito habitual de veciñas e veciños. É o caso do Campo da Leña e da praza de San Vicente (Os Mallos), que contarán con este tendido luminoso que tamén se disporá sobre a praza de Azcárraga e ao longo da rúa Real. En total, este tipo de alumeado chegará a 43 espazos públicos.

A maiores, instalaranse tendidos de luz en forma de paraugas en puntos como a praza Elíptica (Os Rosales), Juana de Vega, a praza de Vigo, glorieta de América, Tolerancia e a rolda de Nelle, entre outras ubicacións. Tamén haberá teitos de luz, semellantes a guirnaldas luminosas de longo percorrido, en partes da cidade como Capitán Troncoso e a rúa Santo Domingo, por exemplo.

Deja un comentario