Alternativa denuncia un POS 2/2025 incompleto e un pleno extraordinario innecesario
Onte celebrouse un Pleno extraordinario no Concello de Carral, convocado polo grupo de Goberno para aprobar novas obras do POS Adicional 2/2025, despois de que a Deputación da Coruña rexeitase o proxecto aprobado no pleno do 4/9/2025 por falta de permisos urbanísticos, que Alternativa dos Veciños e o técnico municipal xa advertiran , pero ainda así a oposición obrigou a incluir como condición para aprobar as obras do POS 2/2025.
A pesar desta resolución da Deputación, o Goberno municipal non incluíu na orde do día a revogación do acordo do 4 de setembro, un trámite imprescindible para garantir a transparencia, a corrección administrativa e a coherencia contable dos expedientes do POS.
Por este motivo, e ao amparo da representación de 5 concelleiros de 13, Alternativa dos Veciños solicitou que conste en acta que se inclúa no próximo pleno ordinario a revogación expresa do acordo do 4/9/2025.
Alternativa dos Veciños lembra que este trámite debería ter sido impulsado polo propio Goberno municipal, posto que é unha obriga derivada da invalidez do proxecto e fundamental para garantir unha xestión pública clara e ordenada.
PLENO INNECESARIO
Alternativa dos Veciños critica que o Goberno municipal convocase un Pleno extraordinario de máis de 2.000 € para aprobar a 2ª fase do POS Adicional 2/2025, cando podía incluírse no pleno ordinario previsto en quince días, posto que tal e como recoñeceu o propio equipo de Goberno por escrito á oposición, non había un limite de tempo establecido pola Diputación para presentar o acordo plenario das novas obras a incluir no Pos.
O proxecto inicialmente aprobado en setembro —a mellora da envolvente do pavillón do Espiño— foi rexeitado pola Deputación por falta de permisos urbanísticos, tal como Alternativa xa advertira. PP, PSOE e os concelleiros tránsfugas obrigaran a incluílo para aprobar o POS.
Agora o Goberno propuxo tres novas actuacións:
Mellora de beirarrúas en Tabeaio,
Humanización da parcela da igrexa de San Vicente,
Renovación de carpintería e melloras no CEIP de Tabeaio.
Foron aprobadas por unanimidade, pero Alternativa denuncia que o plan é incompleto e desequilibrado:
10.000 € quedan sen investir, en vez de destinarse á reparación da cuberta do patio xunto o colexio do CEIP de Tabeaio ou á iluminación da finca de San Vicente.
Case 150.000 € invírtense en beirarrúas que benefician só a 6 vivendas, en lugar de priorizar saneamento ou arranxo de camiños.
O Goberno substitúe o compromiso dunha pista deportiva en San Vicente por unha simple “humanización”, incumprindo o acordado coa veciñanza.
Alternativa dos Veciños reafirma o seu compromiso cun uso responsable e transparente dos fondos públicos, e denuncia a falta de planificación e de prioridades reais no POS presentado polo Goberno municipal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.