Tras doce meses e un día de espera, e sucesivos requirimentos- o último formulado o pasado venres-, o Concello de Neda recibía hoxe a autorización formal por parte de Augas de Galicia para realizar tarefas de limpeza do río Basteiro solicitadas no seu momento dende o consistorio. Por tanto, en todo este tempo, a posibilidade de actuar no treito “urbano” do leito fluvial quedou bloqueada.
A administración local, tal e como se comprometera coa veciñanza, reclamou hai máis de doce meses á entidade responsable do dominio público hidráulico, Augas de Galicia, que procedera á limpeza do leito fluvial “ou, no seu defecto”, autorizara ao Concello a realizar eses traballos. Só dous días despois (o 6 de novembro do 2024) o organismo da conca desbotaba intervir, ofrecendo indicacións aos servizos municipais para que solicitaran autorización.
Así, o Concello de Neda presentou o 12 de novembro do 2024 a solicitude no rexistro de Augas de Galicia, acompañada dunha reportaxe gráfica do estado no que se atopaba o río Basteiro. A entidade pública empresarial solicitaba entón informe ao Servizo de Patrimonio Natural. Efectuado o informe, en maio do 2025, ese departamento requiría ao goberno municipal “máis documentación para poder valorar con exactitude a conveniencia dos traballos de limpeza solicitados”. Con todo, os gardas do Servizo Territorial xa visitaran a zona meses antes.
Finalmente, o pasado venres, 7 de novembro do 2025, o Concello recibía un novo requirimento. Desta volta, Augas de Galicia “observaba” a falta de documentación necesaria para poder continuar a tramitación da solicitude, e demandaba unha declaración xurada, non reclamada con anterioridade.
Concedido o permiso, a pesar de non ser súa a competencia, a administración local financiará con fondos propios, e executará de forma urxente, a posta a punto do leito fluvial (retirada de vexetación e maleza) entre os lugares de As Augas e Santa María. Unha intervención que, sen dúbida, contribuirá a mellorar a capacidade da canle fluvial e a evitar desbordamentos. Dende o Concello insístese na necesidade de simplificar e axilizar a tramitación para poder intervir cando resulta preciso.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.