• O primeiro elepé da artista galega é dun disco conceptual que reflicte o duro de se decatar que a vida na aldea non é idílica.
• Os tiques para desfrutar desta ‘cunca’ musical de Cāldo xa están á venda en ATaquilla.
Mañá, venres 14 de novembro, a partir das 20:30 horas, Catuxa Salom presentará o seu primeiro elepé Cāldo no Teatro Jofre de Ferrol. As entradas para este espectáculo están dispoñibles en ATaquilla a un prezo de 8 euros.
O formato deste directo da a artista galega será a trío: Catuxa Salom, guitarra e voz; Yudit Almeida, contrabaixo, sintes e coros; e Lucía Cortiñas, percusións e coros, nun espectáculo no que cobrarán especial importancia os elementos visuais.
Catuxa Salom amósase convencida de que o concerto no Teatro Jofre ferrolá vai ser “especial” e confía en que se vai crear un “ambiente íntimo entre banda e público”. Nese sentido a artista galega sostén que tanto sobre o escenario como desde as butacas vaise gozar cos temas deste novo traballo: Cāldo.
Catuxa, que xa irrompera na escena independente estatal coa publicación do seu epé debut Nunha aldea, achega agora co seu primeiro elepé Cāldo un traballo conceptual que reflicte o duro espertar ao se decatar de que a vida na aldea non é idílica. Cheo de emocións profundas, pon en valor o papel crucial dos coidados e a amizade como rede de apoio.
A auga como fío condutor
A auga asóciase co caldo, un alimento reconfortante que simboliza a calidez e o coidado. “Na niña casa nunca che faltará unha cunca de caldo”, afirma Salom. Se cadra por iso, en Cāldo o fío condutor é, xustamente, a auga. Neste traballo, Catuxa mergúllanos nun universo sonoro único e ecléctico, nunha fusión con raíces porteñas e folclore galego desde a aldea de Lugo que a acolle.
Nove temas conforman este traballo no que pandeiretas, sintetizadores, bombos e legüeros tecen unha paisaxe musical rica e particular, na que o baile e o goce son esenciais.
Lonxe da idealización bucólica do campo, este álbum amósanos cancións moito máis maduras e crúas que nos convidan a enfrontar a soidade, o duro inverno e a necesidade de crear conexión e redes humanas. Compóñeno Amores rusos, Mar adentro, Ela cando baila, Instinto, Xa non ves, Hórreo, Aguas venir (un remix inédito tras o tema orixinal publicado en setembro de 2023 e coa colaboración de Marcos Bayón), Sauvage e Ojalá venga un indio.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.