Thursday 13 de November de 2025

Unha espectacular operación cunha grúa especial permitirá colocar a cúpula do multiusos de Bastiagueiro


O próximo luns procederase á colocación da cúpula do edificio multiusos de Bastiagueiro que se atopa en construción. Para realizar a operación será necesario unha grúa especial cunha capacidade de carga de 750 toneladas.
A cúpula que cubrirá o edificio foi ensamblada no interior do propio recinto con cimbras de aceiro. Ocupa unha superficie de 1.450 metros cadrados e mide 135 metros de perímetro e 41,5 metros de diámetro.
Esta obra que avanza con pasos de xigante, xa comeza a facerse un oco na paisaxe. O tambor de formigón e cristal, que posteriormente será cuberto de vexetación para integrase na contorna, ofrece unha potente visibilidade desde a avenida Che Guevara. Unha enorme flor de luz que se constrúe para encher de vida as súas paredes e a alma dos seus visitantes. Será, ademais, un dos vértices da vida cultural e ata económica de Oleiros.
Concertos, competicións deportivas, feiras, congresos… Múltiples maneiras de presentar Bastiagueiro como centro de citas interesantes. Espectáculos, arte, reunións, convencións, convocatorias que conformarán escenarios diferentes, todos eles cheos de interese non só para a cidadanía, senón tamén para os hoteis e a hostalaría local.
Un epicentro cultural situado a uns 20 minutos camiñando desde o alto de Perillo, desde Santa Cristina e desde Santa Cruz, unha equidistancia desde a que achegarse a algunha das súas múltiples salas para eventos ou ao espazo central, cun número de asentos variable e adaptable en función da demanda.
En palabras do seu arquitecto, Fernando Martínez, “un edificio flexible, capaz de albergar distintos usos, onde cada apertura converte o natural en escenario e o cotián en experiencia. Unha lembranza de que a arquitectura pode ser soporte, limiar e horizonte… todo ao mesmo tempo”.

Deja un comentario