Thursday 13 de November de 2025

O Concello organiza obradoiros de concienciación contra a violencia machista nos colexios e institutos


Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello está a organizar distintas actividades nos centros de ensino público. Estas iniciativas forman parte dun traballo continuado ao longo do curso escolar coa comunidade educativa, co fin de promover unha educación en igualdade e avanzar na prevención das violencias machistas desde idades temperás.
Esta mañá comezaron os obradoiros Punto Violeta no colexio Luise Seoane, que se levarán a todos os demais colexios. Ademais da instalación dun Punto Violeta no recreo —un espazo atendido por profesionais especializadas onde alumnado e profesorado poden informarse, participar en xogos de sensibilización e ampliar coñecementos sobre os diferentes tipos de violencias machistas, o consentimento e os recursos dispoñibles— organízanse obradoiros en aula, dirixidos este ano ao alumnado de 3º de primaria, nos que se trata a prevención das violencias desde idades temperás. Nestes obradoiros trabállanse o respecto, os coidados, os límites persoais, o consentimento e a detección temperá das violencias mediante dinámicas participativas como o semáforo corporal, a caixa dos toques ou diversas actividades de bo trato, co obxectivo de que as nenas e nenos aprendan a identificar situacións que non lles fan sentir ben, dicir “non”, pedir axuda e recoñecer persoas adultas de referencia ás que acudir.
Pola súa banda, o programa “Repensando as masculinidades”, dirixido ao alumnado de 4º da ESO, continúa o seu desenvolvemento nos IES municipais tras iniciarse no mes de outubro. A actividade, estruturada en tres sesións por grupo, busca analizar criticamente os mandatos tradicionais asociados á masculinidade, fomentar valores de coidado, corresponsabilidade e empatía, e previr discursos e condutas machistas presentes tanto no ámbito escolar como nas redes sociais e contornos dixitais. Trátase dun espazo seguro de reflexión no que o alumnado pode compartir experiencias, analizar referentes culturais, identificar sinais de alerta e construír modelos de relación máis igualitarios, libres e respectuosos.
Co impulso destes obradoiros, o Concello reafirma o seu compromiso coa construción dun municipio libre de violencias machistas e coa promoción de espazos educativos que garantan o respecto, a igualdade e a liberdade para a infancia e a mocidade.

Deja un comentario