Thursday 13 de November de 2025

O Concello abre mañá o prazo de inscrición para os campamentos deportivos de Nadal


O programa ofrece 144 prazas para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, con dúas quendas durante as vacacións escolares e cun prezo reducido para as familias con menos recursos

O Concello da Coruña abrirá mañá, venres 14 de novembro, o prazo de preinscrición para participar nos Campamentos Deportivos do Nadal 2025-2026, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Deportes co obxectivo de promover hábitos de vida saudables entre a infancia e que forma parte das políticas para fomentar a conciliación postas en práctica polo Goberno de Inés Rey.

A actividade está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, nados/as entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2019. Terán preferencia aquelas persoas empadroadas no termo municipal da Coruña.
Ofértanse un total de 144 prazas, organizadas en dúas quendas de 72 prazas cada unha:
● 1ª quenda: 22, 23, 24 e 26 de decembro de 2025
● 2ª quenda: 29, 30, 31 de decembro de 2025 e 2 de xaneiro de 2026
As actividades desenvolveranse na Cidade Deportiva de Riazor e incluirán disciplinas como atletismo, loita, defensa persoal, bádminton, xadrez, xogos acuáticos e actividades ao aire libre ou na natureza, entre outras.

O horario xeral será de 09.00 a 14.00 horas, aínda que se ofrece un horario ampliado de conciliación, con entrada desde as 08.30 horas e saída ata as 14.30 horas, sen custo engadido.

O proceso de solicitude consta de dúas fases diferenciadas:
● PREINSCRICIÓN
○ As familias deberán cubrir un formulario web dispoñible en www.coruna.gal/deportes
○ O prazo estará aberto do 14 ao 18 de novembro de 2025, ata as 23.59 h
○ Só se admitirá esta vía: non se aceptan solicitudes por correo, teléfono nin presencialmente nesta fase
○ No formulario, as persoas titoras poderán indicar a orde de preferencia das dúas quendas
● FORMALIZACIÓN DA MATRÍCULA
○ Unha vez rematado o proceso de preinscrición, publicarase a listaxe de prazas adxudicadas
○ As persoas que obteñan praza deberán formalizar a matrícula entre o 27 de novembro e o 3 de decembro
○ Esta matrícula poderá realizarse:
■ En liña, a través da plataforma CronosWeb
■ Presencialmente, na caixa do Palacio dos Deportes de Riazor (con cita previa preferentemente)

A matrícula require o pago da taxa e a entrega da documentación obrigatoria. Quen non formalice a inscrición no prazo establecido perderá a praza, que será asignada a través da lista de agarda.

A taxa por participar nunha quenda do campamento é de 35,04 euros por menor. As familias con rendas inferiores ao IPREM anual poderán beneficiarse dunha bonificación do 50 %, segundo a ordenanza fiscal municipal.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou o valor social da iniciativa: “Estes campamentos non só favorecen o acceso ao deporte desde idades temperás, senón que tamén permiten ás familias organizarse mellor durante os días non lectivos. É unha resposta concreta ás necesidades reais da veciñanza”.

Deja un comentario