A xornada celebrarase este sábado 15 de novembro, de 9.30 a 14.00 h no Centro Ágora, con stands, obradoiros e espazos de encontro entre comunidade universitaria, entidades sociais e veciñanza, reforzando alianzas pola saúde, o benestar e a inclusión social
A Universidade da Coruña, a través da súa unidade UDC Saudable, e o Concello da Coruña, organizan a I Feira Saúde e Sociedade, unha xornada aberta e participativa que pon en valor o papel da Universidade, das entidades sociais e do tecido asociativo na promoción da saúde, no benestar e na inclusión social da cidadanía.
A cita será este sábado 15 de novembro entre as 9:30 e as 14:00 h no Centro Ágora e celébrase no marco do convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña e constitúe unha iniciativa impulsada polo Concello da Coruña, a Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, e a oficina UDC Saudable. O proxecto busca reforzar alianzas entre institucións públicas e o terceiro sector para construír unha resposta común ás necesidades de saúde e vulnerabilidade da contorna. A cita forma parte das actividades impulsadas polo Goberno de Inés Rey para favorecer a inclusión social na cidade.
Na I Feira participará un amplo abanico de asociacións, entidades e recursos relacionados coa promoción da saúde, a prevención da enfermidade e o apoio social e a atención a colectivos vulnerables. Entre as organizacións presentes atópanse: Asociación Coruñesa de Epilepsia, Asociación Española Contra o Cancro (AECC), ASARGA – Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial, Fundación INGADA – Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados, QuerENDO – Mulleres con Endometriose, Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), ASFEDRO – Asociación Ferrolá de Drogodependencias, Dano Cerebral Galicia, Asotrame – Asociación Galega de Trasplantados de Medula Ósea, ENKI – Inclusión en movemento, ALCER Coruña – Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril, LRG – Liga Reumatolóxica Galega, FEGEREC – Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, SEDRA – Federación de Planificación Familiar Estatal, AGL – Asociación Galega de Linfedema e Lipedema, Espazo Compartido e UDC Saudable –
Universidade da Coruña.
Programación
● 09:30 — Apertura de portas: stands, exposicións e actividades informativas e participativas.
● 09:30–12:00 — Actividades, demostracións, asesoramento e talleres a cargo das entidades participantes.
● 12:00 — Recepción de autoridades e acto institucional (recepción de autoridades na zona principal).
● 12:15–12:45 — Intervencións institucionais e corte simbólico de acto (breve).
● 12:45–14:00 — Continuación de actividades, networking e peche da feira.
A I Feira Saúde e Sociedade pretende facilitar un espazo de encontro entre a comunidade universitaria e a cidadanía para compartir recursos e boas prácticas, visibilizar o traballo das asociacións e entidades sociais en materia de saúde e inclusión e fomentar a colaboración entre institucións, profesionais, alumnado e persoas interesadas no benestar comunitario.
Convidase a toda a comunidade universitaria e á cidadanía a participar, coñecer os recursos sanitarios e sociosanitarios e sumar esforzos nunha iniciativa que quere contribuír a unha cidade e unha universidade máis saudables, solidarias e inclusivas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.