· O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, propoñerá destinar o POS+Adicional (2ª fase) da Deputación da Coruña á execución deste proxecto.
O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, propoñerá destinar o POS+Adicional (2ª fase) da Deputación da Coruña ao proxecto de humanización dunha parcela situada nas inmediacións da igrexa de San Vicente de Vigo. Farao nun pleno extraordinario que se celebrará hoxe, xoves 13 de novembro, ás 20.00 horas. Tal e como avanza o rexedor, a contía provincial destinarase á creación dun aparcamento na contorna e á dotación dun espazo libre cunha zona verde axardinada que se integrará á área de xogos existente. As intervencións realizaranse nun terreo cedido no ano 2019 tras o convenio asinado entre o actual rexedor e o Arcebispado de Santiago.
Grazas ao acordo alcanzado co Arcebispado, o Concello puido construír ese mesmo ano un parque infantil na zona. Agora, o primeiro edil prevé completar os servizos da contorna coa dotación dunha nova zona de estacionamento e de espazo para uso recreativo e esparexemento veciñal.
Para lograr estes obxectivos, o proxecto municipal incluirá a xeración de dúas plataformas. A inferior usarase como aparcamento, facilitando o acceso e a estancia de vehículos sen interferir coas áreas peonís. A superior concibirase como un espazo libre con zonas axardinadas. Dada a amplitude e configuración de ambas as áreas, o espazo poderá acoller festas patronais e outros eventos. O orzamento ascende aos 96.000 euros (IVE incluído).



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.