Hoxe saíu a concurso o contrato de subministración, transporte e plantación de árbores para o que resta de exercicio. Zalaeta, Juan Flórez, Ángel Senra, a avenida dos Mallos e rúas da Agra e O Ventorrillo serán varias das súas localizacións
O ano que vén plantaranse preto de 800 exemplares na nova urbanización de Visma e outros 1.200 no resto da cidade
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou esta mañá da saída a concurso do contrato de subministración de case 160 novas árbores que se plantarán en diversos distritos da cidade antes de que remate o ano.
A través desta iniciativa, o Executivo local busca dar continuidade ao plan de reverdecemento nos barrios da Coruña, unha iniciativa que ten, como principal obxectivo, incrementar o número de árbores existentes na paisaxe urbana para, desta forma, osixenar os espazos públicos e facelos máis sostibles en termos medioambientais.
O contrato que saíu esta mañá a licitación está dotado cun orzamento de 70.000 euros, cifra que incluiría a subministración de exemplares mais tamén o seu transporte, plantación e os traballos complementarios sobre o terreo.
Tal e como precisou Díaz, a previsión do Concello é que unha boa parte dos case 160 novos exemplares se distribúan en rúas de Zalaeta, Os Mallos (Ángel Senra e avenida dos Mallos), o Ensanche (Juan Flórez), Agra do Orzán (Páramo e Entrepeñas) e O Ventorrillo (Mosteiro de Caaveiro). “Son varias das localizacións que temos sobre a mesa, mais hai moitas outras en barrios como Os Rosales e a Cidade Escolar, por exemplo”, apuntou.
2.000 novas árbores, o horizonte fixado para o vindeiro ano 2026
Noemí Díaz recalcou hoxe que estas case 160 novas árbores serán as que se planten ata finais de ano, xa que no vindeiro exercicio, o do 2026, a previsión dos servizos municipais é que A Coruña conte con outras 2.000 novas árbores.
Desta cifra, a metade (1.000) corresponderían ao Plan municipal de arboredo, e outras 800 son as que están previstas en Visma ao abeiro do desenvolvemento urbanístico que alí se está levando a cabo. A estas sumaríanse outras 200 que se plantarán no contexto das obras de mellora nos barrios que o Concello ten planificadas o ano que vén.
A concelleira subliñou, a este respecto, que actuacións como as que se están levando a cabo en enclaves como o parque do Observatorio permitirán a plantación de novas árbores en puntos que, ata agora, carecían delas. Como paso previo, estes días estase a traballar nas superficies liberadas no parque para sementar o novo céspede e adecentar as parcelas e áreas verdes que había tras os muros que se derrubaron.
“A plantación de novas árbores é fundamental por moitos motivos. O primeiro, porque A Coruña está en expansión en termos urbanísticos e a creación de novas áreas verdes debe ir en paralelo ao desenvolvemento dos novos barrios, como Visma e Xuxán. Mais tamén porque hai exemplares xa lonxevos, danados ou afectados por enfermidades, unha realidade que non se dá soamente aquí, senón no conxunto do continente. No caso das árbores que van chegando ao final seu ciclo vital, é fundamental que haxa unha reposición, e tamén estamos traballando nesta liña”, explicou Díaz.
A este respecto, Díaz estimou en 4.600 as árbores plantadas polo Executivo local desde o ano 2020, unha cifra equivalente a once parques de Oza, en termos de exemplares.
Ademais, a concelleira avanzou que se está a traballar na redacción do Plan Director de Arboredo que permitirá definir, a medio e longo prazo, as necesidades da cidade nesta materia cunha perspectiva sostible e de futuro.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.