As dúas citas están programadsa para o primeiro trimestre de 2026 con dous grupos lendarios da música española que marcaron varias xeracións
O Teatro Colón da Coruña acollerá, no primeiro trimestre de 2026, dúas das importantes propostas musicais: os concertos de El Consorcio, o 14 de febreiro, e de Fórmula V, o 14 de marzo. Dúas formacións históricas que seguen vivas nos escenarios e que forman parte da banda sonora compartida de varias xeracións.
Formada por Amaya, Estíbaliz e Iñaki Uranga, xunto con Carlos Zubiaga, El Consorcio ofrecerá un percorrido musical baixo o título “De Mocedades a El Consorcio”, repasando temas que fixeron historia como “Tómame o déjame”, “Dónde estás corazón”, “El vendedor”, “Quién te cantará” ou “Eres tú”, coa que acadaron, como membros de Mocedades, o segundo posto en Eurovisión en 1973. Cunha traxectoria recoñecida internacionalmente e un Grammy Latino á excelencia musical, o grupo promete un espectáculo íntimo e inesquecible.
Un mes despois será a quenda de Fórmula V, liderada por Paco Pastor, que traerá ao Colón un espectáculo multixeracional cheo de himnos inmortais como “Cuéntame”, “Eva María”, “La fiesta de Blas”, “Ahora sé que me quieres” ou “Vacaciones de verano”. Un repertorio festivo e emocional que forma parte da memoria colectiva do pop español.
As entradas para ambos concertos están xa á venda a través da plataforma www.ataquilla.com , así como nas taquillas habituais da praza de Ourense e do Teatro Colón, desde dúas horas antes do inicio de cada espectáculo, sempre que haxa localidades dispoñibles.
Aplicaranse descontos do 20 % para persoas maiores de 65 anos, titulares do Carné Xove e persoas desempregadas, así como un 25 % para familias numerosas, previa acreditación documental tanto na compra como no acceso ao teatro.
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou “a importancia de seguir achegando ao público propostas musicais con historia, calidade e valor emocional, nun escenario de referencia como é o Teatro Colón”.
Estes concertos confirman a liña de programación dun Teatro Colón que abre as súas portas a públicos diversos, cunha oferta plural e recoñecida, pensada para achegar espectáculos de primeiro nivel á cidadanía. Un compromiso que o Goberno de Inés Rey mantén coa cultura como motor de cohesión e benestar social.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.