O orzamento de licitación é de 84.499,53 euros
A rede de saneamento completarase en próximas datas no lugar dos Muíños, na parroquia de Oleiros. Para a súa materialización, o Concello de Ribeira saca a licitación esta actuación coa que se busca seguir mellorando nas prestacións de servizos básicos ao rural.
Esta intervención dálle continuidade á executada no 2023 coa instalación da rede de saneamento con pozo de bombeo en dito lugar
da parroquia de Oleiros, que incluíu a colocación de colectores de saneamento nas vías xerais e a implantación dun pozo de bombeo en Portochouzo, se ben non estaba contemplado o saneamento nas vías secundarias. En consecuencia, este proxecto busca dotar deste servizo básico aos catro ramais do lugar dos Muíños para ofrecer unha prestación integral.
Para tal fin, demolerase o pavimento existente e colocarase a tubaxe ao longo de 421 metros, ademais de 12 pozos de rexistro, para rematar coa reposición do firme con mestura bituminosa en quente de 6 cm de espesor; uns traballos que se estenderán tres meses.
O orzamento de licitación é de 84.499,53 euros, IVE incluído, con cargo ao POS+2025. As ofertas presentaranse a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX) antes das 23.59 horas do 27 de novembro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.