Thursday 13 de November de 2025

O ciclo “Castelao e o seu tempo” abordou hoxe o exilio e a memoria na Galicia contemporánea


A sesión forma parte da programación dedicada á figura e ao legado do intelectual galego

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta tarde na mesa redonda ‘Exilio e memoria’, celebrada na Casa Museo Casares Quiroga no marco do ciclo de conferencias “Castelao e o seu tempo”, unha proposta que conmemora o 75 aniversario do falecemento do intelectual rianxeiro e que reúne estes días a destacadas voces do pensamento e da investigación galega.

A sesión centrouse na análise do papel do exilio na construción da identidade galega contemporánea e na recuperación da memoria colectiva, un dos eixos fundamentais da obra e do compromiso político e humano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Durante o encontro, Gonzalo Castro destacou que “revisar o pensamento de Castelao desde a óptica do exilio é tamén revisar o noso propio relato como país, a resistencia cultural e a defensa da lingua e da liberdade”. O edil subliñou ademais “a importancia de que A Coruña siga sendo espazo de reflexión e encontro arredor das figuras que definiron a nosa identidade colectiva”.

Ademais do concelleiro coruñés, na mesa redonda desta tarde participaron Xosé Manuel Núñez Seixas (catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela), Miguel Anxo Seixas Seoane (historiador da arte e presidente da Fundación Castelao) e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo Abuín.

O ciclo “Castelao e o seu tempo” está organizado pola Fundación Castelao e polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, coa cofinanciación do Concello da Coruña e a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística autonómica, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, no marco do Ano Castelao 2025.

Deja un comentario