O evento, con carácter solidario, destinará parte da recadación á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e busca promover hábitos saudables e visibilizar a loita contra esta enfermidade
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, presentou esta mañá a nova edición da carreira 5K Leyma Coruña Contra o Cancro, que se celebrará o vindeiro domingo 16 de novembro, ás 11.00 horas, no Paseo Marítimo, con saída na contorna das Escravas.
Na rolda de prensa tamén participaron Ángela Salgado Calvo, responsable de márketing de Leyma; María González Sordo, responsable de socios e desenvolvemento económico da Asociación Española contra o Cancro; Pepe Sánchez del Valle, CEO de Championchipnorte; e Juan Luís Cudeiro, director do xornal DXT Campeón.
O evento, organizado por CCNorte co patrocinio de Leyma e coa colaboración do Concello da Coruña, forma parte da programación social e deportiva deste mes de novembro, dedicado á concienciación sobre o cancro de mama. A proba conta con distintas modalidades de participación, tanto competitivas como populares, co obxectivo de facilitar a asistencia de persoas de todas as idades e condicións físicas.
Durante a presentación, o concelleiro puxo en valor “o espírito solidario e participativo desta iniciativa, que conxuga actividade física e apoio á investigación e sensibilización fronte ao cancro”.
A organización confirmou que, a día de hoxe, xa se rexistraron 1.795 persoas inscritas, e lembrou que o proceso de inscrición continúa aberto. Ademais da participación directa, tamén será posible colaborar mediante o Dorsal Cero ou a través de doazóns voluntarias.
Por cada inscrición nas categorías Absoluta e Andaina, a empresa Leyma doará 2 euros á AECC, como mostra do seu compromiso coa causa.
As persoas participantes recibirán unha camiseta técnica oficial do evento, que será de uso obrigatorio durante a proba. O evento ten tamén un marcado carácter familiar e comunitario, reforzando a aposta do Goberno local por promover unha cidade máis activa, saudable e solidaria.
A celebración da proba suporá afeccións puntuais ao tráfico na contorna do Paseo Marítimo, xa que o percorrido ocupará os carrís dereitos en sentido de circulación desde a rúa Pondal ata a rotonda de Labañou, e ambos sentidos ata uns 100 metros pasado o elevador do Monte de San Pedro, afectando rúas como a avenida de Buenos Aires, Paseo Ronda, San Roque de Afuera, Gerardo Porto e Fernando Suárez García.
A organización habilitará pasos alternativos para peóns e manteranse os accesos á praia ao longo de todo o circuíto.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.