Wednesday 12 de November de 2025

Galicia participará no primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica concedido pola Comisión Europea


— O Cesga e as universidades de Santiago de Compostela e da Coruña lideran esta iniciativa na Comunidade, na que participan 11 socios de cinco países da UE

— O proxecto busca fomentar o desenvolvemento destas tecnoloxías e garantir o liderado europeo en computación cuántica

A Comisión Europea acaba de facer pública a concesión do primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica (QEX) en Europa no que participará Galicia a través do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Este centro, financiado pola Empresa Común de Computación de Altas Prestacións Europea (EuroHPC JU), está impulsado por un consorcio de 11 socios procedentes de cinco países e ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas e garantir o liderado europeo en computación cuántica.
A participación galega, que conta cun orzamento de 1,36 M€ cofinanciados nun 50% pola Comisión Europea e no outro 50% polo Ministerio de Ciencia, Universidades e Innovación, terá unha importante contribución a este obxectivo de crear un espazo único para aportar servizos e coñecemento aos usuarios de ordenadores cuánticos. A parte galega está liderada polo Cesga, un centro compartido entre a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas, e os tres centros de investigación da Rede CIGUS: o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), ambos da Universidade de Santiago de Compostela, e o Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña.
En concreto, os centros galegos contribuirán principalmente á facilitar á comunidade científica e ao tecido produtivo o acceso ás infraestruturas cuánticas. Ademais, tamén facilitarán o desenvolvemento de novas aplicacións e softwares no campo da computación cuántica e serán responsables da realización de actividades de benchmarking, un proceso de comparación de computadores cuánticos e aplicacións desta tecnoloxía. Tamén colaborarán na formación de investigadores e usuarios, impulsando a experiencia adquirida en TalentQ, o programa de formación e crecemento de talento do proxecto Quantum Spain.
O Centro Europeo de Excelencia Cuántica funcionará como un centro único para aplicacións e ferramentas de computación cuántica, capacitando a usuarios científicos, empresas e industrias europeas para aproveitar o potencial destas tecnoloxías. Mediante programas de formación especializada e apoio personalizado, QEX formará persoal altamente cualificado en computación cuántica en toda Europa, á vez que axudará aos usuarios a adaptarse e codesenvolver aplicacións cuánticas, asegurando así a preparación para a próxima era da computación.
Socios participantes
O consorcio QEX reúne a 11 socios que representan unha rede diversa de experiencia científica e técnica, procedentes de cinco países da Unión Europea. Coordinado polo Stichting QuantumDeltaNL (Países Baixos), participan tamén por Dinamarca a Danmarks Tekniske Universitet, a Københavns Universitet e a Syddansk Universitet, por Irlanda a Universidade de Galway, por Alemaña a Bayerische Akademie der Wissenschaften e a Deutsches Zentrum für Luft – und Raumfahrt e polos Países Baixos a Nederlandse Organisatie voor Toegepast Natuurwetenschappelijk Onderzoek, ademais do líder Stichting QuantumDeltaNL. Súmanse por España, o Cesga, a USC e a UDC.

Novo fito da I+G+i
Despois da consecución recente da Fábrica europea de IA, unha das 19 que vai implementar Europa, e a construción do novo edificio do Cesga con 56 millóns de euros, Galicia suma un éxito máis no seu posicionamento como referente no eido da supercomputación e das tecnoloxías cuánticas en Europa. Estas iniciativas enmárcanse na aposta da Xunta de Galicia polas tecnoloxías profundas a través do Plan galego de investigación e innovación polo seu potencial transformador da economía e polo seu papel no avance da I+G+i.

Deja un comentario