Wednesday 12 de November de 2025

O Grupo Municipal Socialista acusa ao executivo de Sanmartín de “deixar a cidade parada” en materia de transporte e aparcadoiros


Gumersindo Guinarte acusa ao Goberno local de falta de xestión e opacidade na mobilidade: o contrato do bus segue bloqueado, os parkings sen avances e os VTCs sen posición clara.

Marta Abal lamenta que o conflito coa Policía Local e os Bombeiros siga sen solución e lembra que “a responsabilidade última é da alcaldesa”.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, xunto coa concelleira socialista Marta Abal, denunciaron hoxe a “falta de transparencia e de dilixencia” do Goberno local nas principais cuestións de mobilidade da cidade, mentres “os problemas se acumulan e as promesas seguen sen cumprirse”.

Guinarte lembrou que o contrato do servizo público de autobuses “leva case dez anos xa prestándose en situación precaria”. Segundo explicou, “no mes de xuño, a alcaldesa e o concelleiro responsable deste ámbito anunciaron que arrancaba o proceso de licitación co cambio de modelo de contrato, que pasaba de concesión a contrato de servizos, e que moi pronto se abriría o concurso público”. Porén, advertiu, “a realidade é que estamos nesas datas e non sabemos nada, nin do contido dos informes nin do novo modelo de contrato”.

O voceiro socialista tamén sinalou o incremento do custo previsto respecto ao anterior mandato: “agora son 236 millóns en 13 anos, fronte aos 184 anteriores, e non sabemos se eses 50 millóns os van pagar os usuarios do transporte ou os veciños”. Por iso denunciou que “esta tramitación adoece de moita falta de transparencia”.

Guinarte advertiu ademais de que o servizo “segue a deteriorarse”. “A app Máis Bus non funciona ou funciona de xeito moi incorrecto, hai unha evidente falta de accesibilidade e prodúcense cancelacións e atrasos, sobre todo nas liñas A6, A6A e 1”, sinalou. “As frecuencias e a puntualidade tamén son obxecto de queixas, como no caso da liña 15 ao Campus Norte”, recordou, reclamando “explicacións, transparencia e información” por parte do Goberno local.

Praza de Galicia e Praza de Vigo: municipalización sen avances visibles

En canto aos aparcadoiros, o voceiro socialista lembrou que “o 3 de xullo pasado rematou a concesión da empresa que xestiona o aparcadoiro da Praza de Galicia, mentres que a da Praza de Vigo vence en outubro de 2026”. Guinarte reiterou o apoio do PSdeG á municipalización destes dous parkings, pero criticou a inacción do executivo local: “Reuniuse a comisión en abril e non volveu a facelo. Creo que non hai máis que mirar pola ventá para darse conta de que o verán xa quedou atrás”.
Segundo explicou, “hai que axilizar o máis posible ese proceso de municipalización”, porque “mentres se sigan dando ordes de continuidade ás concesións, o sistema seguirá a ser o mesmo”.

Taxis e VTCs: prazos longos e falta de información

Sobre o servizo de taxis, Guinarte sinalou que “os taxistas din que o proceso é moi longo e que vai durar máis do que di o Concello, son procesos que poden levar meses”, polo que instou o Goberno local “a pisar un pouco o acelerador”. Tamén pediu información sobre os encontros entre a Xunta, FEGAN e os concellos da Coruña, Vigo e Santiago sobre os VTC: “Gustaríanos que a alcaldesa puxese enriba da mesa cal é a situación real deste tema respecto de Santiago e cal é a súa posición”.

O voceiro socialista insistiu en que “o Goberno municipal debe actuar con transparencia e axilidade, porque se trata dun asunto necesario, urxente e demandado”.

Bombeiros e Policía Local: diálogo, xestión e prazas

Durante a quenda de preguntas, Guinarte e Abal tamén se referiron ao conflito coa Policía Local e cos Bombeiros, lembrando que “o Goberno municipal ten que ser capaz de resolver a través do diálogo tanto coa Policía Local como cos Bombeiros”. “Que dialogue para resolver os problemas inmediatos e que xestione para resolver os inmediatos e os non tan inmediatos”, engadiu.

Pola súa parte, a concelleira Marta Abal afirmou que “o problema é que non se abordou o problema, basicamente. É responsable a alcaldesa, que é a que ten que coordinar as súas concellarías e tratar de solventar os problemas”.

Abal advertiu que “non pasa única e exclusivamente por abordar as horas extras, porque iso xa está fora de toda negociación: é un dereito adquirido”, e lembrou que “estes servizos sen horas extras non poden funcionar tal e como están de persoal”.

A edil socialista reclamou tamén “convocar xa esas 12 prazas de bombeiros” e subliñou que “o Goberno ten demandas enriba da mesa avaladas pola xurisprudencia do Tribunal Supremo e maioría sindical para avanzar nelas”. Por último, reiterou que “a responsabilidade última é da alcaldesa, que debe ser coñecedora dos problemas que hai no Concello que dirixe”.

Deja un comentario