Mantiveron unha reunión co goberno local para facer seguimento do acordo despois de solicitala o pasado 12 de setembro
Cuestionan que o cumprimento do acordo sexa “asimétrico”: “nós cumprimos coa palabra dada, desbloqueando a operación Peleteiro ou a taxa turística pero o goberno non fixo coa súa parte”
As concelleiras non adscritas do concello de Santiago de Compostela mantiveron esta semana unha reunión co goberno local para facer seguimento do acordo de orzamentos asinado por Gonzalo Muíños en xaneiro deste mesmo ano. Unha reunión da que as non adscritas saen “decepcionadas” entendendo que o grao de execución do acordo “non está á altura das circunstancias”.
Así o expresou este mércores Gonzalo Muíños, que chegou a cualificar de indignante o estado no que se atopaban os proxectos recollidos no documento como estratéxicos para este 2025, referíndose tamén a un cumprimento do acordo “asimétrico”: “nós, en todo o que nos implicaba ese acordo, cumprimos coa palabra dada co desbloqueo da operación Peleteiro ou a aprobación da taxa turística” apunta, cuestións que estaban recollidas nese mesmo documento. “Lamentablemente” di o concelleiro non adscrito, “o goberno non cumpriu coa súa parte”.
Muíños referiuse tamén aos prazos nos que se celebrou esta reunión. O acordo recollía que as reunións de seguimento do acordo serían trimestrais, pero esta foi a primeira xuntanza convocada polo executivo de Sanmartín despois de que as non adscritas a pedisen publicamente o 12 de setembro deste mesmo ano, hai dous meses, durante un encontro cos medios de comunicación co inicio do curso político.
Investimentos de “segunda oportunidade”
As concelleiras non adscritas amosáronse especialmente críticas coa execución de determinados investimentos xa contemplados no acordo de orzamentos do 2024 e, de novo incluídos, nas contas do presente ano. Muíños referiuse, por exemplo, á licitación da construción do Complexo deportivo de Santa Marta ou á renovación do céspede do campo de fútbol de Villestro: “é a segunda oportunidade que damos para que isto se faga, e vemos que non se respectan os compromisos”.
Tamén é o caso da Casa dos Maiores no Ensanche, prevista no antigo local da Seguridade Social en San Pedro de Mezonzo. A pesar de existir xa un anteproxecto, a licitación das obras aínda non se iniciou. “Ou temas menores, como a rotonda na intersección da rúa Lisboa, Londres e Dublín en Fontiñas, que agora nos din que aínda están facendo un estudo ou que o van facer”.
Non haberá cuberta nin renovación de parques infantís
O acordo de orzamentos asinado por Sanmartín, Rozas e Muíños en xaneiro deste ano contemplaba tamén a instalación dunha cuberta no parque infantil da rúa Lisboa de Fontiñas e a renovación do parque da rúa Manuel Beiras en Conxo e o de Angrois. Tres investimentos, ata agora paralizados, e dos que “o único que se nos traslada é que están agardando por unha aportación de Adif para o de Angrois”. Unha aportación que, en calquera caso, as non adscritas insisten en que é “ínfima” e que “nada alteraría o esforzo inversor que ten que facer o Concello nesa actuación”.
“Son escusas de mal pagador” critica Muíños, que tamén se referiu aos poucos avances no desbloqueo do parque comarcal de bombeiros, “aínda que sobre esta cuestión nos trasladaron certo optimismo, e queremos pensar que así é”. Pero, as críticas dirixíronas as non adscritas ao estado no que se atopa a construción do aparcadoiro para dar unha solución aos problemas de mobilidade no Hospital Clínico. Lembra Muíños que despois de un ano desde que Xunta e Concello asinaron o protocolo para resolver esta cuestión, non houbo ningún avance: “nós sempre dixemos que o protocolo non comprometía a ningunha das partes e o tempo deunos a razón”.
Incumpridos todos os prazos para a licitación do transporte urbano
Muíños referiuse tamén á licitación do novo contrato para o transporte urbano, afeándolle ao executivo de Sanmartín que se incumpriran todos os prazos dados ata a data. De feito, lembra o concelleiro non adscrito que para o desbloqueo das facturas pendentes do transporte relativas á liquidación do 2024, desde o goberno local se comprometeran a iniciar a licitación “entre finais do mes de outubro e a primeira quincena de novembro”: “xa vemos que, de novo, se incumpre a palabra dada”.
Tamén se referiron as non adscritas ao reforzo comprometido das prazas de policía e bombeiros. O acordo asinado en xaneiro contemplaba unha ampliación da plantilla que aínda non se efectuou e critica Muíños que, mentres os problemas na prestación do servizo persisten nas últimas semanas, seguen pendentes de convocar 12 prazas de bombeiros das convocatorias do 2023 e o 2024.
Falta de impulso en políticas de vivenda
Sobre os aspectos relativos á política de vivenda, tamén se amosan críticas as non adscritas. Cuestionan a falta de avances na posta en marcha da empresa pública de vivenda e solo -tamén prevista no acordo de orzamentos- ou a dilación no acceso á declaración de zona de mercado residencial tensionado: “aínda non se enviou a nova documentación ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, polo que xa vemos un ano perdido para intervir no prezo dos alugueiros”.
“O cumprimento do acordo non está a altura das circunstancias, e debe levarnos a facer unha reflexión sobre o camiño a seguir nos vindeiros dous anos”
“En xeral, estamos preocupadas pola execución dos orzamentos, moi baixa” concluían as non adscritas, destacando que o pouco que se cumpriu foi a dobre convocatoria de Bonos Corazón ou o inicio da sobras de reubranización de Ponte da Raíña o García Lorca pero, cren que é “insuficiente”.
“Nós esforzámonos en manter unha actitude propostiva e, desde logo, nós seguiremos actuando con lealdade e responsabilidade” explicaba Muíños que tamén esixe reciprocidade, “non tanto con nós, senón coas veciñas e veciños de Santiago”. Así, aínda que recalca que o acordo de orzamentos “era bo para a cidadanía”, asegura ter claro tamén que o cumprimento do mesmo “non está a altura das circunstancias, e debe levarnos a facer unha reflexión sobre o camiño a seguir nos vindeiros dous anos”.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.