Wednesday 12 de November de 2025

Malasombra Producións leva ao Elma a súa obra O proceso dentro do Outono Cultural da Pobra


· Será este domingo, 16 de novembro, ás 19.00 horas.

O Outono Cultural da Pobra do Caramiñal segue en marcha. Como parte do programa, este domingo, 16 de novembro, representarase a obra O proceso, de Malasombra Producións. A función, que terá lugar ás 19.00 horas no Cine Elma, é de acceso libre e levarase a cabo dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O espectáculo está ambientado no ano 1880, cando o escritor Curros Enríquez foi denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas incluídos no seu libro Aires da miña terra. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o autor resulta procesado e condenado. En O proceso, Cándido Pazó parte destes feitos históricos para construír unha peza teatral en ton de sainete cómico. Ao longo da representación, aparecerán en escena personaxes populares do Ourense de finais do XIX e abordaranse cuestións como a lingua, a cultura e a identidade.

Deja un comentario