Wednesday 12 de November de 2025

Italia e Noruega, próximos destinos do espectáculo de danza “Expedición Querina”, tras o éxito da súa premier no Coliseo Noela


O presidente da Ría da Estrela, o presidente da Academia Xacobea, o alcalde de Noia, o secretario xeral do Consello Rexional do Véneto e unha ampla delegación de Italia, Noruega e Suecia da Asociación Internacional Vía Querinissima desfrutaron da posta en escena da Escola de Danza Oitos

O Coliseo Noela colgou o cartel de “Non hai billetes” na premier do espectáculo de danza “Expedición Querina”, posto en escena pola Escola de Danza Oitos (Noia). Entre as máis de 340 persoas presentes entre o público estaban o presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luís Oujo; o presidente da Academia Xacobea, Marcelino Agís; o alcalde de Noia, Francisco Pérez; e o secretario xeral do Consello Rexional do Véneto, Roberto Valente, á fronte dunha importante delegación internacional das rexións do Véneto (Italia), Norland (Noruega) e Vastra Gotland (Suecia) que visitou Galicia durante estes últimos días.

Luís Oujo puxo en valor a extraordinaria actuación das bailarinas da Escola de Danza Oitos e agradeceu o traballo realizado tanto dende a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia como dende o equipo artístico do espectáculo. “A posta en escena foi magnífica e podo adiantar que xa houbo representantes da Asociación Internacional Vía Querinissima de Italia e de Noruega que amosaron o seu interese por que este espectáculo poida representarse tamén nos seus países”, adianta Luís Oujo, quen lembra que “dende a súa xénese, o obxectivo que nos marcamos dende a Asociación era que Expedición Querina puidera chegar a un público internacional, por iso gran parte do espectáculo está en inglés”.

Elenco artístico e técnico

“Expedición Querina” recolle a epopea histórica do navegante veneciano Pietro Queirini, quen no século XV deixou documentada unha peregrinación a Compostela que coincide ao 100% co traxecto actual do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia e que deu lugar ao nacemento da Vía Querinissima, que agora busca o seu recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo por parte do Consello de Europa. Unha iniciativa promovida dende o Xeodestino Ría de Muros Noia e a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, na parte galega, e a Asociación Internacional Vía Querinissima e o Consello Rexional do Véneto, na parte internacional. Conta coa colaboración do GALP Costa Sostible, da Consellería do Mar, da Unión Europea e do Concello de Noia.

A obra conta coa dirección artística de Verónica Martínez, con música composta por Sara Martínez, artes visuais de Suso Xogaina e luz e son da man de Javier Grey. Ten a Antía Queiruga Díez, como bailarina principal, á fronte doutras 25 bailarinas da Escola de Danza Oitos: Elia Ríos Martínez, Marina Outón Caramés, Alejandra Ronquete Vila, Natalia Romero Pais, Daniela González Fernández, Daniela Agra Romarís, Uxía De La Iglesia Pérez, Emma Pedrosa Blanco, Mara Rodríguez Mayán, María Ríos Martínez, Sara Varela Gándara, Irea Santiago Ferreiro, Aldara Fernández Armental, Lucía Abeijón Suárez, Sara Martín Cambeiro, Carolina Coiradas Quintáns, Ainara Vilas Docampo, Irene Fajín Valiñas, Irene Riveiro León, Noa Gómez León, María Turnes Arias, Sofía Castaño Iglesias, Carmen Blanco Santamaría, Sara Martínez Narváez e Marina Blanco Cereijo.

“Expedición Querina” é un espectáculo de danza, música e imaxe co mar como protagonista, Querini como guía e Compostela como destino. Consta dunha apertura e tres partes perfectamente diferenciadas, dende a súa partida de Creta o 25 de abril de 1431 na nave “Querina” cunha tripulación de 68 mariñeiros, ata a súa chegada a Compostela, pasando por lugares como o santuario da Virxe do Camiño en Muros ou o templo de San Martiño de Noia.

Deja un comentario