Wednesday 12 de November de 2025

Viñetas Inclusivas 2025 afonda na diversidade con obradoiros, fanzines e cinema sobre música, medio ambiente e discapacidade


O ciclo pecha a programación anual do Viñetas desde o Atlántico cunha proposta centrada na diversidade e na creación con enfoque social

O ciclo Viñetas Inclusivas pon o broche final á programación anual do Viñetas desde o Atlántico cunha proposta centrada na diversidade, a creación gráfica e a reflexión social. As actividades desenvolveranse esta semana en distintos espazos da cidade, cun enfoque integrador arredor da música, o medio ambiente e a discapacidade.

O xoves 13, ás 18.30 horas, dará comezo o programa coa sesión A que soa unha banda deseñada, un obradoiro impartido pola xornalista Sonia Hermida e dirixido a persoas con diversidade funcional. A actividade, que terá lugar na Biblioteca Infantil e Xuvenil da rúa
Durán Loriga, explora as posibilidades expresivas da música dentro da linguaxe da banda deseñada.

O venres 14, ás 19.00 horas, presentarase no mesmo espazo o fanzine Nai dos desterrados, unha obra colectiva desenvolvida en colaboración con Amnistía Internacional, que aborda a relación entre o colapso ambiental, os dereitos humanos e a responsabilidade das grandes corporacións enerxéticas. Participarán no acto as ilustradoras Laprislazuli, La Chica de la Cinta, Paula Esteban e Noelia Rodríguez.

A xornada pecharase ás 20.30 horas coa proxección do filme Mary and Max no Salón de Actos da Academia de Belas Artes. Dirixida por Adam Elliot, a longametraxe está considerada unha das obras de referencia do cinema de animación contemporáneo e aborda con sensibilidade temas como a soidade e a discapacidade a través dunha historia epistolar entre dúas persoas de realidades moi distintas.

Un festival que continúa abrindo camiños

Este novo ciclo forma parte do modelo consolidado do Viñetas desde o Atlántico, que este ano reforzou a súa estrutura expositiva, ampliou a presenza internacional e promoveu espazos de encontro entre autores e público. A programación, que se estendeu ao longo do ano, incluíu máis de vinte exposicións, encontros creativos, concertos, obradoiros e propostas para público infantil e familiar.

O concelleiro Gonzalo Castro valorou o Viñetas Inclusivas como “un exemplo da vocación social e integradora que ten a cultura pública na Coruña”. “Estamos a falar dunha programación que emprega a banda deseñada como ferramenta pedagóxica e transformadora, achegándoa a novos públicos e realidades que adoitan quedar ás marxes”, indicou.

A consolidación do Viñetas desde o Atlántico como referente cultural é resultado dunha liña de traballo sostida que aposta pola creación contemporánea, a diversidade e o acceso á cultura para toda a cidadanía. No actual contexto, o apoio municipal a iniciativas con vocación social e capacidade de chegar a novos públicos reforza o modelo de cidade que se está a construír desde o Goberno de Inés Rey: unha Coruña creativa, plural e comprometida.

Deja un comentario