Tuesday 11 de November de 2025

O Concello de Ribeira e a Asociación de Empresarios reúnense para avaliar necesidades en material comercial


• As campañas de dinamización ou o estado do polígono industrial e da variante vertebraron a xuntanza

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto coa primeira e terceira tenencia de Alcaldía, Vicente Mariño e Ana Barreiro, e a concelleira de Promoción Económica, Carmen Pérez, mantiveron na tarde de onte unha reunión coa Asociación de Empresarios para abordar temas de interese en materia comercial.

Durante a xuntanza falouse sobre as distintas campañas de dinamización comercial que desenvolve tódolos anos, sendo unha das máis próximas a de Nadal na que a patronal ribeirense, presidida por Francisco Martínez, está xa traballando. Unhas iniciativas que buscan unha repercusión positiva na economía e na sociedade, ás que a Administración local ratificou o seu apoio, ademais de avaliar retomar o bono comercio.

Outras das cuestións a tratar foi o mobiliario e ornamentación do centro urbano. As autoridades municipais comprometéronse a reubicar determinados contedores do lixo buscando unha localización “máis idónea para que non se vexan prexudicados nin establecementos locais nin os veciños.” Aquí tamén se puxo o foco no “feísmo” a causa de cartelería obsoleta nas rúas, especialmente en baixos comerciais baleiros. A mandataria local avanzou que se está traballando nunha campaña para a mellora estética das rúas. Así mesmo, incrementarase a ornamentación vexetal e outra das demandas é maior luminosidade no centro da cidade.

Polígono industrial e variante

Dous dos temas clave en materia empresarial son o incremento de chan industrial e a posta en marcha da circunvalación, como trasladaron os empresarios no encontro de traballo; unhas infraestruturas que o goberno municipal cualificou como “unha prioridade na que estamos traballando xa.”

Deja un comentario