Tuesday 11 de November de 2025

A Xunta pon en valor o crecente atractivo da Costa da Morte para o mercado internacional que recibiu a visita este verán de turistas de máis de 20 países


— O director de Turismo de Galicia participou no V Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte que tivo lugar no Pazo de Vilar de Francos, en Carballo

— Un total de 1.261 persoas pasaron entre agosto e setembro polo punto de información Brandomil, porta romana da Costa da Morte

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta tarde no V Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte, que se celebrou este martes en Carballo. Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou que entre xaneiro e setembro, visitaron ese xeodestino un total de 117.061 viaxeiros que fixeron máis de 254.000 noites nos establecementos de aloxamento da zona.

Xosé Merelles salientou ademais, que segundo os datos rexistrados no punto de información turística Brandomil, porta romana da Costa da Morte, entre o 12 de agosto e o 28 de setembro, pasaron por estas instalacións 1.261 persoas na procura de información turística, fundamentalmente da Costa da Morte, dos cales case unha cuarta parte eran de orixe internacional, concretamente, procedentes dunha vintena de países diferentes.

O director de Turismo concretou que do total de persoas que buscaron información turística, o 60% solicitábaa da zona, destacando Fisterra como referencia máis habitual; o 20% facíao sobre Santiago de Compostela e os restantes sobre algún punto da xeografía galega, Portugal ou outra comunidade veciña.

“Do total das persoas atendidas, case o 50% procedían doutras comunidades autónomas, destacando Madrid e Andalucía”, destacou engadindo que “o 22,28% eran visitantes do mercado internacional, no que sobresae Alemaña, seguido de Portugal. En total, por este punto pasaron visitantes da Costa da Morte de ata 20 nacionalidades distintas, entre elas, países como Nova Zelanda, Australia e China.

Na súa intervención, Xosé Merelles defendeu o apoio da Xunta para promover a Costa da Morte dentro da oferta turística galega, un apoio que se está a traducir en distintas iniciativas.

En concreto, o director de Turismo de Galicia aludiu ao impulso que está a supoñer o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Os Fogóns do Anllóns. Este inclúe actuacións como o fomento do cicloturismo e o sendeirismo, a implantación de prácticas de economía circular, a creación dunha rede de miradoiros ou a recuperación de praias.

Tamén se apoia a creación de paquetes turísticos vinculados coa gastronomía, posto que esta iniciativa forma parte do Plan territorial de sostibilidade turística de enogastronomía de Galicia. O proxecto que afecta á zona da Costa da Morte está impulsado pola Deputación da Coruña e abrangue cinco concellos de Bergantiños: Carballo, Coristanco, A Laracha, Ponteceso e Cabana de Bergantiños. Conta cun orzamento de 1,5M€.

Merelles, quen estivo acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, referiuse tamén á ampliación do prazo de presentación de solicitudes das axudas a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego. Esta liña quere contribuír a unha maior integración coa paisaxe e respecto dos valores ambientais, así como a mellora da fachada e a corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras, para o cal destina 5M€.

No Encontro, organizado pola Asociación Turística da Costa da Morte, Merelles valorou moi positivamente o “esforzo que está a facer este destino pola promoción e posta en valor dos recursos turísticos desta zona”.

Deja un comentario