O Programa Integrado de Emprego, impulsado polo Concello da Laracha e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, rematou este martes cun notable éxito, xa que máis de 70 das persoas participantes accederon a un posto de traballo. Delas, 53 conseguiron unha inserción laboral estable a día de hoxe. Ademais, outras 47 persoas melloraron a súa formación profesional, ampliando así as súas competencias e a súa empregabilidade. Trátase dun resultado que, supera amplamente o obxectivo inicial de inserción laboral, que se establecera nun 40 %.
A clausura do programa celebrouse na Casa da Cultura da Laracha, nun acto presidido polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Emprego, Rocío López, a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e o director territorial de Emprego, Juan José Couce Prego, quenes fixeron entrega dos diplomas ás persoas participantes, certificando así a súa asistencia e aproveitamento da formación.
Durante o acto, José Manuel compartiu as cifras de éxito do programa e destacou o esforzo conxunto coa Xunta de Galicia, agradecendo tamén a súa colaboración, xa que sen ese apoio non sería posible ofrecerlle a un grupo de 100 persoas a oportunidade de participar en accións deste tipo.
Na actualidade, xa está en marcha o seguinte Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha 2025/26, que volverá ser outra oportunidade para acadar a inserción laboral das persoas participantes.
Se alguén está interesado/a en participar, pode amosar o seu interese no Edificio Administrativo do Concello da Laracha.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.