A tramitación require a documentación perceptiva e o acordo plenario
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, informou hoxe sobre a situación da compra da antiga nave de Cerqueira, situado en Bandourrío. Segundo explicou, “non había absolutamente nada xestionado con relación á compra do inmoble” porque, para tal proceso, é necesaria a documentación perceptiva como é o informe de Patrimonio, especialmente, cando esta edificación se inclúe no catálogo de bens culturais no litoral. “Un informe vinculante que non existía a 10 de outubro cando anunciaron a suposta compra”, apuntou.
Trátase, ademais, dun importe inicial de adquisición que sería necesario levar ao Pleno por supoñer un investimento superior ao 10% dos recursos ordinarios da Administración local. “O órgano competente para aprobar esa compra é o Pleno da Corporación, sen o cal se poría en perigo o medio millón de fondos europeos que van a cargo do Plan de Sustentabilidade Turística”, destacou.
A maiores, a rexedora relatou que o anterior goberno solicitou no 9 de outubro a concesión dese espazo á Demarcación de Costas de Galicia, se ben “é un órgano manifestamente incompetente” ao transferirse as competencias sobre o litoral á Xunta de Galicia. De feito, precisa que no 20 de outubro chegou novamente ao Concello de Ribeira a notificación por parte de Costas de Galicia reiterando e da que se extrae, textualmente, que “con data 8 de agosto de 2025, esta Demarcación de Costas de Galicia comunicou ao Concello que existe o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma en materia de ordenación e xestión do litoral, con data efectiva dende o 1 de xullo do 2025.” É dicir, xa no verán a Xunta de Galicia era o ente con competencia, polo que, a xuízo da alcaldesa, “ou non leron a notificación ou fixeron caso omiso.”
En consecuencia, o actual goberno municipal reuniuse coa Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, que ten a competencia na materia a través do Servizo de Litoral, coa finalidade de aclarar a situación coa directora xeral, Paula Uría. Así, o Concello de Ribeira tramitou no 31 de outubro unha nova solicitude de título concesional de ocupación “ben fundamentada”, agardando a resolución que, de ser favorable, levaría aparellada a renuncia de Cerqueiras a esta concesión.
“Reactivamos e poñemos en marcha dun xeito garantista e legal a futura compra da nave de Cerqueiras porque existe non só un compromiso coa execución de todos os fondos cos que conta este Concello, senón que tamén con toda a veciñanza de Bandourrío”, remarcou Sampedro. Un novo paso neste expediente administrativo do que xa se lle deu conta aos propietarios de Cerqueira.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.