Tuesday 11 de November de 2025

Guinarte acusa ao executivo local de mirar para outro lado ante o caos nos centros socioculturais


O voceiro socialista critica que o Concello prorrogase o contrato da rede sociocultural “malia o seu evidente incumprimento” e reclama medidas urxentes para recuperar a normalidade nas actividades.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou hoxe a “falta de resposta e de acción” do Goberno local ante os continuos problemas na rede de centros socioculturais do Concello, afectados pola ausencia de monitores e a cancelación de actividades nas últimas semanas.

Guinarte lembrou que, “a pesar das reiteradas queixas dos usuarios dos centros socioculturais pola falta de monitores que impartan as actividades, nada se moveu desde o Goberno local para dar unha solución definitiva a estas demandas”.

O portavoz explicou que a situación afecta especialmente ás parroquias rurais, “onde en moitos casos sufriron cancelacións de toda a programación dos seus centros socioculturais”. “Usuarios e usuarias que pagaron por unhas actividades que non están recibindo e viven nun estado de incerteza” xa que non teñen garantías de que vaian recuperar nin as clases, nin os cartos, advertiu.
Guinarte sinalou que esta situación “vén derivada do incumprimento dos pregos do contrato por parte da empresa que xestiona o lote de animación sociocultural” e recordou que “isto non é algo novo, vén sucedendo desde hai meses”. “A decisión de prorrogar este contrato, acordada na Xunta de Goberno Local do 31 de outubro, auspiciaba que o servizo non ía mellorar”, engadiu.

O grupo socialista reclama ao executivo municipal que actúe con urxencia para garantir tanto a prestación do servizo como os dereitos laborais do persoal. “Esixímoslle ao executivo municipal que supervise que os traballadores cobran a súa nómina en tempo e forma, permitindo así recuperar a normalidade nas actividades dos centros socioculturais”, afirmou Guinarte.
Por último, Guinarte advertiu de que desde o Grupo Municipal Socialista “non cesaremos de denunciar esta situación ata que o Goberno local non adopte as decisións necesarias que eviten este desmantelamento progresivo que están a sufrir os centros socioculturais”.

Deja un comentario